A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, está preparando a ampliación do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, tras estudar e analizar as solicitudes recibidas por parte de diversos organismos.
Ata o momento, recibíronse na Dirección Xeral un total de 433 novas solicitudes de catalogación, que o Comité das Árbores Senlleiras avalía a partir dos criterios de selección que se teñen establecido desde o ano 2007. Deste conxunto de solicitudes, aproximadamente 60 foron valoradas de xeito unánime polo Comité das árbores senlleiras na súas diferentes reunións, mentres que outras poderían ser aceptadas unha vez se amplíe a información dispoñible con datos históricos e culturais sobre os exemplares e formacións propostos. Destas propostas positivas, 7 corresponden á provincia da Coruña, 16 á de Lugo, 19 á de Ourense e 23 á de Pontevedra.
Polo de agora só se estudaron as propostas de catalogación de árbores e formacións recibidas a instancia de parte, fundamentalmente realizadas por propietarios particulares, por asociacións e por concellos, polo que os exemplares e formacións para os que se solicita catalogación presentan en moitas ocasións un interese exclusivamente local. O feito de que non se inclúan neste Catálogo só indica que estes elementos non posúen características que os fagan representativos ou singulares no ámbito autonómico.
Propostas non aptas
Os exemplares e formacións non incluídos finalmente no Catálogo poderán ser protexidos mediante instrumentos de carácter local (catálogos municipais de árbores senlleiras, plans de ordenamento municipal) ou a través doutras figuras de protección da natureza (Espazo Natural de Interese Local, Espazo Privado de Interese Natural). Neste sentido cómpre lembrar que, por exemplo, recentemente foi declarado espazo privado de interese natural as Sobreiras do Faro, a petición da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Viladesuso (concello de Oia, Pontevedra).
Catálogo Galego de árbores senlleiras
Esta publicación é un rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións excepcionais merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección.
No Decreto que regula este catálogo, publicado no Diario Oficial de Galicia do 17 de abril de 2007, recóllense 106 exemplares de 60 especies diferentes, así como 21 formacións arboradas compostas por 14 especies distintas. Aínda que existe unha primeira selección de exemplares e formacións, o catálogo configúrase como unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos os seus propietarios, as administracións públicas, centros de investigación ou asociacións e entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.
Protección como obxectivo principal
O
Comité das Árbores Senlleiras é o órgano consultivo da Dirección Xeral de Conservación da Natureza en relación con este Catálogo. Os membros do Comité, designados por diferentes institucións e organismos que teñen coma finalidade a protección, conservación ou divulgación das árbores senlleiras, procederon á valoración do conxunto de solicitudes de catalogación de exemplares e formacións recibidas na Dirección Xeral de Conservación da Natureza, co obxecto de poder seleccionar deste xeito a mellor representación de individuos e formacións das diferentes especies arbóreas a nivel autonómico.