Duvi/ Aparentemente só as une o feito de seren mulleres, porque as súas obras son heteroxéneas e diversas tanto no contido como na estética. 26 mozas, das moitas que saen cada ano das facultades, que buscan o seu oco no mercado laboral e no complicado mundo da arte. Tócalles visibilizarse e situar as mulleres no lugar que lles corresponde como artistas e que lles foi negado durante séculos, un tarefa para a que contan co respaldo da Universidade, a través da Unidade de Igualdade. O instrumento elixido, AristAS (Proxecto de Visibilización das Obras Artísticas das Alumnas da Facultade de Belas Artes) ofrécelles a posibilidade de presentar publicamente as súas creacións, moitas delas inéditas, nun espazo alleo ao circuíto artístico habitual, como é o campus de Vigo. Para a Universidade, pioneira en España na creación dunha Unidade de Igualdade, “é prioritario acadar a igualdade plena de modo transversal e integral”, e iso inclúe o ámbito artístico e cultural, explica Inma Valeije, secretaria xeral da Universidade.
Arte no campus…
Comisarian este proxecto Mar Caldas e Almudena Fernández titorizando a “incorporación das artistas ao espazo profesional, buscando novas redes de difusión e dándolle visibilidade aos seus traballos”. Explican ambas que o mundo da arte segue sendo desfavorable para as mulleres, a pesar de que as alumnas son maioría nas facultades. “A nosa experiencia docente demostra que polos seus expedientes e pola calidade e interese das súas obras”, deberían facerse un oco no complicado mundo da arte, “no que aínda poucas artistas teñen recoñecemento”.
Este proxecto de visibilización das novas xeracións de artistas ofrece un espazo expositivo diferente e pouco convencional, o Centro Comercial Cidade Universidade do campus de Vigo. Entre almorzos, cafés e compras, os membros da comunidade universitaria poderán achegarse á arte feita dentro da propia institución a través de seis obras de outras tantas mozas reproducidas en lonas de grandes dimensións. Para Sheila Pazos e Marta Bran, dúas das artistas, é un bo modo de achegar a súa arte “a persoas que non adoitan estar en contacto con este mundo; de introducir a arte na súa vida cotiá”. Destacan as artistas que, por riba do feito de ser mulleres, úneas nesta exposición un fío invisible tecido en feminino, “todas as obras teñen unha sensibilidade común”, cada unha ao seu modo, de presentar as súas propias experiencias e vivencias como mulleres. Dende retratos a tecidos e labores femininos, dende o corpo da muller á denuncia dunha relegación ao ámbito doméstico. Diferentes visións e reivindicacións, moitas veces subconscientes do feito de ‘ser muller’.
… e arte para levar para casa
Este proxecto, que nos vindeiros anos terá continuidade coas novas promocións de Belas Artes, inclúe outra iniciativa de visualización e difusión. En todos os centros da Universidade están instalados expositores que ofrecen de balde unha colección de postais que reproducen obras de outras 20 artistas noveis. Segundo Almudena Fernández, isto permite por unha banda que nas escolas e facultades coñezan o traballo realizado en Belas Artes pero tamén que o leven para casa. Por outra banda, o formato postal permite un terceiro nivel de difusión se son empregadas coa súa funcionalidade orixinal, como soporte de correo postal, podendo chegar a calquera parte do mundo.
As obras expostas no Centro Comercial converteranse tamén no futuro en postais para unirse a estas 20 obras nunha colección que non será unha publicación “ao uso, non será un catálogo”, apunta Fernández. Coa tela das lonas confeccionaranse uns paquetes de edición limitada que serán enviados a críticos de arte e responsables de museos e galerías para reclamar a oportunidade que merecen Aída Donoso, Alejandra Tomé, Ana Ferrer, Andrea Outeiral, Ángeles Díaz, Carla Vijande, Carlota Salgado, Clara Baltasar, Cristina Ramírez, Gema López, Lara Acevedo, Laura Rodríguez, Lucía Graña, Margarita Araújo, María Arias, María Blanco, Marta Bran, Marta Fortes, Sabela Camiña, Sandra Martínez, Sara Donoso, Sara Goberna, Sheila Pazos, Úrsula Cancelas, Verónica Leis e Victoria Couso.