Vigo al minuto

En folga de fame indefinida, en Citroën, polo despedimento de dous compañeiros

Dous membros da sección sindical da CIG en PSA-Citroën de Vigo comezaron este martes, ás 6 da mañá unha folga de fame para esixiren a readmisión de dous traballadores da empresa afiliados á central que “foran despedidos de forma inxusta” a pasada semana. A protesta está a ter lugar nas instalacións do servizo médico da factoría.

Desde a CIG-Citroën explicaron que a empresa argumentou o despedimento dos dous traballadores en supostos incumprimentos en materia de seguridade, sen que se detectasen con posterioridade consecuencias derivadas nos vehículos fabricados.

Advirten, tamén, que os despedimentos efectuados aos dous afiliados da central nacionalista “carecen de fundamento e non teñen precedentes” na historia da factoría. De feito, e segundo a sección sindical, “nunca se tomou unha medida tan drástica sen existir sancións previas”.

Co ánimo de trasladar a solidariedade aos compañeiros en folga de fame e esixir a readmisión, este, mércores, día 2, terán lugar concentracións ás entradas e saídas de quenda na porta principal de PSA-Citroën a partir da 1 e cuarto da tarde.

 

También te puede interesar