Sin sección

Os labores previos á retirada do lindano, no Contrasto, comezarán a vindeira semana

A previsión é que todo o residuo estea fora á metade de 2025

Os traballos para a retirada e tratamento dos residuos da fabricación de lindano presentes na zona do Contrasto, na parroquia porriñesa de Torneiros, darán comezo nos próximos días e requiren unha inversión da Xunta de Galicia de 7,5 millóns de euros.

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe un encontro co alcalde, Alejandro Lorenzo, e con outros representantes sdo Goberno Local no que lles trasladou que as actuacións previas ás obras de escavación e extracción deste residuo comezarán a vindeira semana, mentres que os labores para a súa retirada arrincarán a comezos do verán.

Sanear toda a zona

O alcalde destacou que o inicio destes traballosé unha gran nova para O Porriño, e un importante esforzo inversor da Xunta que demostra o seu compromiso firme e colaborador co Concello”. Lorenzo incidiu en que “aínda que damos un gran paso o problema é de maior magnitude e require dunha intervención global e planificada para a que pido a implicación de todas as administracións. É un compromiso que debemos asumir para coidar a saúde dos porriñeses de agora e dos de mañá”.

O obxectivo é sanear esta zona eliminando a presenza de lindano, un dos praguicidas máis empregados na segunda metade do século pasado tanto para fins agrícolas como non agrícolas e que está incluído no Convenio de Estocolmo para a eliminación mundial dos contaminantes orgánicos persistentes. Neste sentido, trátase dun residuo que non se degrada co paso do tempo polo que se aconsella a súa retirada e posterior tratamento para evitar efectos negativos nos organismos vivos.

Excavacións ata os 3 metros de profundidade

Tralos traballos previos previstos nas vindeiras semanas, a principios do verán comezarán as actuacións de retirada do lindano e o seu traslado a unha instalación de valorización intermedia. Para elo escavarase o fime existente ata unha profundidade de entre 0,5 e 3 metros e retirarase todo o material no que se ten constatada a presenza deste residuo, dado que é un elemento indisoluble.

Unha vez completadas estas actuacións na contorna, reporanse o firme e os servizos de alumeado, telefonía, electricidade, saneamento abastecemento e outros que puidesen verse afectados polas obras de escavación. En canto ao acceso ás vivendas, estará garantido en todo momento con itinerarios alternativos.

Ata a segunda metade de 2025

De feito, os traballos –que está previsto que rematen na segunda metade de 2025- están programados de menor a maior afectación á poboación existente nesa zona co obxectivo de minimizar as molestias á veciñanza. Na contorna hai preto dunha trintena de vivendas, pero non todas elas están habitadas.

Despois da súa retirada, o centro de valorización de residuos procederá ao tratamento do lindano ben mediante o seu confinamento en condicións de seguridade ben acondicionándoo –no caso do material con maiores concentracións- para os eu traslado e tratamento nunha planta de incineración de residuos.

Financiamento europeo

Os traballos da retirada dos residuos  de fabricación de lindano presentes na zona do Contrasto contan con financiamento europeo, ao abeiro do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), por tratarse dunha actuación relacionada coa descontaminación de solos, con efectos indirectos na auga e na atmósfera.

También te puede interesar