Destacados Vigo al minuto

‘Rebeliom do Inframundo’ inaugura este venres os concertos na terraza do Mar de Vigo

Nunha nova edición do Terraceo

'Rebeliom do Inframundo' inaugura este venres os concertos na terraza do Mar de Vigo

Imaxe: Xavi Iglesias/ O concerto de Rebeliom do Inframundo na terraza do Auditorio Mar de Vigo será a última oportunidade de escoitar en directo e en Vigo o seu último traballo, “Amor ou Barbárie”.

Tras celebrarse varios concertos no hall do recinto vigués este ano e comezar a quinta edición do Festival TerraCeo cun concerto no propio auditorio interior, este venres 21 de xuño, o Mar de Vigo inaugurará os seus directos na fermosa terraza, ofrecendo así unha actuación que marcará tamén o inicio do verán vigués.

Rebelióm do Inframundo

cun sólido percorrido no seu estilo musical que fusiona elementos do hip-hop, electrónica, folk tradicional e punk, acompañados de letras impregnadas cunha profunda crítica social, consolidouse como unha das referencias na música galega. Coñecidos por captar a atención do público coa súa enerxía e as súas vibrantes actuacións, a banda gañouse o corazón dunha ampla base de seguidores, encabezando numerosos festivais tanto en Galicia como fóra dela.

Este concerto será a última oportunidade de escoitar en Vigo o seu último traballo, “Amor ou Barbárie”, un disco que conta con colaboracións de gran nivel, incluíndo a Hard GZ, Wöyza, Iria Medraño ou Treintañeras Cañeras. O álbum, composto por 17 cancións, supón un antes e un despois na traxectoria da banda, con temas nos que os sentimentos son os protagonistas e as letras están cheas de crítica social.

Terraceo 2024

O concerto de Rebelióm do Inframundo enmárcase dentro da quinta edición do festival Terraceo, un ciclo de concertos moi especial que volverá celebrarse coa impresionante posta de sol sobre a ría de Vigo e as Illas Cíes como escenario natural.

Por este ciclo xa pasaron este ano bandas e artistas destacados como Christina Rosenvinge The Jayhawks esta pasada fin de semana, ademais de Niño de Elche, Ángel Stanich e The Rapants.

Continúa a programación

TerraCeo continuará coa súa axenda en xullo.

O primeiro espectáculo será o 19 de xullo coa participación duns vellos coñecidos. Luis Zahera e Oswaldo Digón chegan para ofrecer unha ocasión única de gozar de dous monstros do humor xuntos nun dos mellores escenarios naturais. Risas aseguradas.

Esa mesma fin de semana, Vigo recibirá a José James, un cantante de jazz soul que soubo levar unha esencia hip-hop e R&B cara aos procelosos carreiros do jazz máis melódico e sedutor. Acaba de lanzar tres singles, “38th & Chicago”, “Saturday Night (Need You Now)” e “Dark Side of the Sun”, adiantos do seu próximo disco “1978”, e traerá unha agradable brisa musical o sábado 20 de xullo.

A guinda a esa fin de semana terá sabor a rock blues clásico da man do líder de M Clan, Carlos Tarque, que o pasado outono publicaba “Vol.2”, o seu segundo disco en solitario. En directo preséntase como Tarque & La Asociación del Riff e o rock aumentará incombustible no atardecer do domingo 21 de xullo.

También te puede interesar