Cultura

A Kv2211 celebra o ‘Día da Música’ cun concerto no Auditorio Municipal do Concello de Vigo

Este domingo ás 12:00h.

A Kv2211 celebra o 'Día da Música' cun concerto no Auditorio Municipal do Concello de Vigo

Orquestra Infantil e Xuvenil de Vigo, Kv2211 festexa o Día Europeo da Música, –que oficialmente é hoxe 21 de xuño–, cun concerto no Auditorio do Concello de Vigo, o domingo 23 de xuño ás 12:00 horas. Neste tradicional concerto de verán estará dirixida por Raquel Fernández e ten como director convidado a Ernesto Díaz, e que interpretará un repertorio baseado na música cubana, cheo de ritmos e adaptado para orquestra de cordas.

O mestre convidado da OXErnesto Díaz Vega, pon en valor o gran traballo realizado por estes mozos e mozas para interpretar un repertorio de gran dificultade. “A música cubana destaca polos ritmos e neste caso, o repertorio ten o reto de que ditos ritmos foron incluídos na Orquestra de Cordas. O mestre Guido López-Gavilán, autor dalgunha das pezas que imos interpretar foi quen de integrar a música tradicional neste tipo de agrupacións; é a parte máis destacada e difícil do repertorio”, explica o director convidado da OX, Ernesto Díaz.

Pola súa banda, a Orquestra Infantil, baixo a dirección de Raquel Fernández, abrirá o concerto, cun repertorio ameno e divertido enfocado aos máis cativos e a un público familiar.

Este concerto polo Día Europeo da Música, forma parte da programación musical da Orquestra, o próximo terá lugar o luns 24 de xuño. A Orquestra Infantil e o Ensemble de Chelos da Kv2211, actuarán na Porta do Sol no marco do “Tac! Festival” que se está a festexar ata o mes de xullo con diversas actuacións.

Incorporación de novos membros

A Orquestra mantén aberta a incorporación de novos membros –instrumentistas de corda de entre 7 e 22 anos de idade– para comezar no mes de setembro con novas pezas. Todos os interesados en formar parte da Orquestra Kv2211 poden remitir un mail a [email protected].

También te puede interesar