Comarcas

O ‘Plan +Provincia’ da Deputación mobiliza esta semana 1,4 millóns de euros para seis concellos

O 70% para tres vilas da Área de Vigo: Moaña, Mos e Tui

O 'Plan +Provincia' da Deputación mobiliza esta semana 1,4 millóns de euros para seis concellos

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar preto de 1,4 millóns de euros para que seis concellos da provincia impulsen novos investimentos ao abeiro da liña 1 do ‘Plan +Provincia’. En concreto, benefícianse destes recursos A Cañiza, A Illa de Arousa, Moaña, Mos, Salceda de Caselas e Tui.

Estes concellos, segundo explicou o presidente provincial, Luis López, destinarán estes recursos a “mellorar a pavimentación, accesibilidade, infraestruturas deportivas e para saneamento”. En total, o goberno provincial xa aprobou 37,7 millóns de euros dos 48,2 dos que está dotado este programa destinado a concellos de menos de 50.000 habitantes.

Moaña e Mos

O presidente provincial remarcou algunhas das iniciativas de elevada contía que van acometer os concellos cos recursos provinciais. Desta maneira, Moaña recibe 497.637€ para acometer dous proxectos diferentes: por unha banda, destinará 239.999 € á mellora da vía municipal desde San Lourenzo a Carballido e, pola outra, 257.637 € á renovación do abastecemento e saneamento e o novo colector de
pluviais na rúa Lameira. Ademais, Mos contará con 445.352€ para mellorar a pavimentación en diferentes camiños e vías do concello.

A Illa, A Cañiza e Tui

Ademais, a Xunta de Goberno da Deputación tamén aprobou 88.841€ para que A Illa de Arousa realice
obras de mellora de accesibilidade nas rúas Cruceiro e Sor Aurora Estévez; 92.338 € para que A Cañiza
renove o pavimento da pista do pavillón municipal de deportes, e 152.632 € para que o Concello de Tui
poida cambiar a cuberta e realizar a reparación estrutural do campo de fútbol municipal Álvarez Durán.

También te puede interesar