Comarcas

Tui estrea web para celebrar o ‘Día da Biblioteca’

A web da Biblioteca Municipal de Tui.
A web da Biblioteca Municipal de Tui.

Tui festexa ao longo da vindeira semana o ‘Día da Biblioteca’ coa intención de difundir o importante papel que cumpren as bibliotecas no desenvolvemento social das persoas e das colectividades. E, para facelo, nada mellor que estrear a páxina web da Biblioteca Pública Municipal de Tui, que posibilitará que este servizo poda achegarse a todos os cidadáns. Nesta páxina web podemos ter acceso ao catálogo da biblioteca, á consulta da súa programación de actividades, actos culturais do concello, novidades, etc…, ademáis de dispor de información sobre a cidade e o seu entorno.

Con esta ferramenta os usuarios poderán facer algúns trámites, como a reserva de instalacións ou a organización de visitas en grupo á Biblioteca Municipal. A páxina estará accesible a partires da próxima semana.

Actividades

Co gallo da celebración o 24 de outubro a Biblioteca Pública Municipal de Tui ten preparado un programa de actividades que tenta ofrecer unha promoción da lectura e da oferta das bibliotecas para os diversos segmentos sociais e de idade. O programa abrirase o vindeiro mércores 21 cunha sesión de contacontos para adultos (17:30 horas) a cargo da compañía Tropa de Trapo, que representará o seu espectáculo ‘A hora azul’. Catro contos que veñen de Marrocos, de Alxeria, da Galicia… de calquera parte do mundo e de todas á vez. Contos de mulleres que non se renden, da emigración, do deserto, do realismo máxico da Galicia máis surrealista. Historias ao son da guitarra portuguesa, do laúde árabe, da darbouka, do caixón flamenco, das karkaba, etc…

O xoves 22 de outubro (17:30 h), haberá unha proxección de cinema de animación vinculado ao mundo do libro e da lectura e dirixida aos nenos de Tui. Para o día 23, de 17:30 a 19 horas, está previsto un obradoiro de iniciación á banda deseñada para rapaces a partir dos 10 anos e dirixido por Jacobo Fernández Serrano, recente gañador do Premio Merlín de Literatura Infantil 2009.

Para rematar o ciclo, o 24 de outubro, ‘Día da Biblioteca’, haberá unha sesión de contacontos para nenos de ata 8 anos e os seus pais a cargo de Mabel Pérez. Esta sesión, que terá lugar ás 12:00 horas, conta co patrocinio da Editorial Galaxia.

También te puede interesar