A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Montes, ven de aprobar a concesión de 244 axudas para a plantación de máis de un millón de frondosas caducifolias en case 1.000 hectáreas dos montes galegos. A iniciativa, enmarcada na orde axudas para o fomento das frondosas caducifolias, representa un investimento de 1.686.482 euros destinados a subvencionar o tratamento da vexetación preexistente, a preparación do terreo, a plantación manual, a adquisición da planta, a colocación de protectores e a fertilización.
Segundo os datos da Dirección Xeral de Montes, a meirande parte das axudas concedidas foron para propietarios particulares e comunidades de montes veciñais en man común, con 124 e 114 aprobacións, respectivamente. As seis restantes foron para agrupacións de propietarios.
En canto ás especies con maior superficie de plantación, predominan o carballo e o castiñeiro, que suman 477,32 e 266,74 hectáreas respectivamente, seguidas da cerdeira, con 157,22 hectáreas. Outras especies demandandas son o ameneiro, o bidueiro ou a nogueira, que se sitúan por debaixo das 100 hectáreas de plantación.
- Datos por provincias
Pontevedra foi a provincia que obtivo un maior número de axudas, con 78 concesións que representan un investimento de 522.155 euros. O total de superficie no que se desenvolverán as actuacións incentivadas na provincia pontevedresa ascende a 291,58 hectáreas, nas que se plantará especialmente carballo, castiñeiro e cerdeira.
Pola súa banda, A Coruña suma 68 solicitudes aprobadas, cun orzamento de 378.841 euros para a plantación de frondosas en 225,5 hectáreas. As especies predominantes son o carballo, o castiñeiro e o bidueiro. Lugo obtén 274.581 euros para 54 axudas que favorecerán o fomento de frondosas (principalemente tamén de castiñeiros e carballos) en 148,52 hectáreas. Finalmente, a provincia de Ourense benefíciase dun investimento de 510.905 euros pola aprobación de 44 axudas para a plantación, sobre todo de carballos, castiñeiros e cerdeiras, en 280,34 hectáreas.