Moi positivo o listado de titulacións de grao a implantar no curso 2010/2011 polo Consello Galego de Universidades. O reitor da Universidade de Vigo considera que con este novo listado consegue eliminarse a duplicidade existente en titulacións como Fïsica, Tecnoloxía dos Alimentos e Humanidades; incorpóranse novos títulos ao Sistema Universitario Galego e aproba todas as propostas presentadas polas tres universidades.
E Vigo sae beneficiada: dos catro novos graos aos que deu luz verde o Consello Galego de Universidades, dous implantaranse na Universidade viguesa, o Grao en Enxeñaría da Enerxía que se impartirá no campus de Vigo e o Grao en Ciencias Ambientais no de Ourense.
Outro acordo relevante adoptado no Consello foi o de permitir un cambio na normativa para que se puidesen autorizar títulos novos de grao por maioría e non por unanimidade como viña sucedendo ata agora. Unha decisión que Alberto Gago considera que se adapta mellor á nova forma de proceder xa que “as universidades traballan por separado, o que implica que chegar a acordos por unanimidade sexa case imposible”.
A implantación dos graos en Enxeñaría de Enerxía e Ciencias Ambientais suporá que a oferta da Universidade de Vigo se modernice e actualice, especialmente no ámbito das enxeñarías nos tres campus e sobre todo no de Vigo. Deste xeito, o vindeiro curso impartiranse no campus vigués 8 novos graos en enxeñaría (Química Industrial, Eléctrica, Tecnoloxías Industrais, Organización Industrial, Mecánica, Recursos Mineiros e Obras Subterráneas, Técnica de Telecomunicación e Enerxía). A estes novos títulos de enxeñaría súmase ademais o novo grao que resultará da adaptación da diplomatura en Empresariais.
O futuro de Empresariais
O Consello Galego de Universidades reunirase a vindeira semana para decidir o futuro dos títulos de grao derivados da transformación das diplomaturas de Empresarias que se imparten en Vigo e Lugo tras confirmase que en ambos casos traballan nun Grao en Comercio. O reitor da Universidade de Vigo agarda unha resolución inmediata para resolver “unha oferta que colide o que obriga a alguén a dar marcha atrás”.
En calquera caso Gago lembrou que neste caso é a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a que deberá exercer as súas competencias e tomar unha decisión que a Universidade de Vigo “aceptará”. Caso que a proposta da Universidade de Vigo sexa rexeitada, Gago lembrou a existencia dunha oferta moi ampla nese ámbito que permitirá á Escola elaborar unha titulación con garantías.