A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), na que participa o Sindicato de Xornalistas de Galicia (SXG), convoca para hoxe 5 de novembro á mobilización dos traballadores da información para sumarse a campaña “En pé polo Xornalismo” que organiza cada ano a Federación Internacional de Periodistas (FIP).
O SXG empregará o lema “A miña precariedade é a túa desinformación”. Así, o Sindicato anima a todos os profesionais a vestir nas roldas de prensa e actos públicos as camisetas que con este lema distribuíu nos últimos anos. Trátase de concienciar á cidadanía da necesidade de reclamar as administracións que tomen medidas para garantir o dereito fundamental a dispor de información veraz.
En particular no caso galego, o SXG reclama que os poderes públicos concreten xa a petición unánime do Parlamento de Galicia de vincular as axudas aos medios co mantemento do emprego estable.
Carta a Zapatero
Ademais, hoxe publicarase un manifesto e unha carta pública dirixida dende os sindicatos de xornalistas ao presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero. Horarios abusivos, contratos lixo, abuso de bolseiros e de falsos autónomos son prácticas frecuentes na maioría das empresas da comunicación da Comunidade. Este deterioro das condicións de traballo dos informadores prexudica a cidadanía, pois a calidade das noticias é unha das primeiras vítimas da precariedade no sector.