A concelleira de Benestar Social, María Méndez, instou á Xunta a apertura provisoria da Gota de Leite como centro de emerxencia mentres o Concello busca outras instalacións que cumpran os requisitos precisos para acoller ás persoas sen teito. Segundo afirmou a edil do BNG, “esta é a única solución para dar tempo ao goberno municipal a atopar outra ubicación”.
A concelleira de Benestar Social acusou ao Partido Popular de “xogar coas persoas” e de “utilizar aos máis desfavorecidos como arma arroxadixa” contra o goberno local. Méndez lembrou a sinatura do convenio entre o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e a por entón alcaldesa da cidade, Corina Porro, para que na ‘Gota de Leite’ fose un albergue e indicou que o PP incumpre o seu compromiso ao pretender convertila nunha escola infantil e nun centro para emprendedores e acusou de “hipócrita” á delegada da Xunta en Vigo Lucía Molares, ao afirmar que foi a administración autonómica actual a que dotou de contido estas instalacións.
Tampouco a Escola de Hostelería
A concelleira de Benestar Social reiterou que a Escola de Hostelería “non sirve como albergue definitivo”, como tamén xa o aseguraron os técnicos da Xunta. No tocante ao chamado “albergue do pai Carlos”, ao que a Xunta aporta 200.000 euros para instalar vinte camas máis, a concelleira nacionalista salientou que esta “non é a solución”. María Méndez argumentou que estas instalacións non van dar cabida á xente que realmente busca refuxio porque o seu responsable “non deixa entrar a calquera”.