Este luns 16 de outubro tivo lugar en Metz, Francia, a reunión do xurado da terceira edición do premio para novos comisarios, que este ano foi convocado conxuntamente polo MARCO de Vigo e o FRAC Lorraine (Fonds régional d’art contemporain de Lorraine) de Metz, Francia, e que ten como obxecto a realización dun proxecto expositivo para as dúas sedes. A exposición terá lugar entre maio e setembro de 2010 no MARCO de Vigo e entre outubro de 2010 e xaneiro de 2011 no FRAC Lorraine.
O xurado —composto por Beatrice Josse, directora do FRAC Lorraine; Kevin Muhlen, director do Casino Luxembourg, Forum d’art contemporain; Agar Ledo Arias, responsable de exposicións do MARCO; Pedro de Llano, crítico de arte e comisario que actualmente realiza unha residencia para comisarios en FRAC Lorraine; e Iñaki Martínez Antelo, director do MARCO— tomou a súa decisión despois de analizar un total de 119 candidaturas recibidas —fronte a 34 da anterior edición—, o que é mostra da difusión alcanzada na convocatoria deste ano. Do total de proxectos recibidos, 28 procedían de Francia, 19 de España, 14 de Italia, 11 de EEUU, 11 do Reino Unido, 7 de Alemaña, 5 de Bélxica, e o resto repártese entre varios países de Europa e América Latina.
O proxecto gañador, que ten como título provisional “Cando a rama rompe: sobre rituais e relixións”, é unha proposta de Inti Guerrero, crítico de arte e comisario independente nado en Colombia (Bogotá, 1983) e residente en Amsterdam. Na elección do xurado tívose en conta a calidade do proxecto e a súa adecuación ás características do MARCO e FRAC Lorraine como espazos expositivos. Tomando como punto de partida o título do libro de James Frazer, La rama dorada. Un estudio sobre magia y religión (1922), esta exposición reúne obras de 10 artistas que tratan sobre a idea do ritual e da relixión en diferentes contextos, relacionados coa política, a memoria colectiva e a cultura popular.