A Xunta de Galicia porá mañá á disposición dos tripulantes galegos do Alakrana e dos seus familiares un avión que os traerá a Galicia desde a base aérea de Torrejón de Ardoz. Está previsto que as vítimas do secuestro do atuneiro, acompañadas polos seus achegados, aterren no aeroporto vigués de Peinador a partires das 10 horas de maña.
Unha vez en Galicia, o Goberno galego ofreceralles aos tripulantes a posibilidade de seren sometidos a revisións médicas nos hospitais de Vigo ou Santiago, en función das súas preferencias. Os tripulantes do buque Alakrana realizarán unha breve declaración pública á súa chegada ao aeroporto de Peinador, tras a cal solicitan que se respecte a súa intimidade durante o resto da fin de semana.
A Xunta porá á disposición dos mariñeiros e das súas familias vehículos para desprazarse as súas casas. A Xunta ten informado tanto aos alcaldes dos concellos onde viven os tripulantes e a súas familias como aos grupos parlamentarios galegos destas actuacións.