Galicia

Aos nosos campos gústalles o viño

Os números non minten: unha terceira parte dos establecementos agroindustriais de Galicia son adegas de viño. E non lles vai mal: facturan o 4 por cento da industria agroalimentaria galega superando nun ano os 130 millóns de euros. Non en balde na comunidade existen preto de 650 adegas, o 90% en zonas rurais, que dan emprego de maneira directa a máis de un milleiro de traballadores.

Máis do 74 por cento destas adegas están inscritas nalgunha das 5 denominacións de orixe de viños existentes en Galicia: Rías Baixas (201), D.O. Ribeiro (119), Ribeira Sacra (98), Valdeorras (41) e Monterrei (23). Contrariamente ao que ocorre noutras comunidades autónomas españolas, o sector vinícola galego case se pode identificar coas denominacións de orixe, xa que o 95% do viño producido está amparado por algunha delas. A especialización de Galicia na produción de viños brancos, con arredor dun 90% do producido, é un elemento distintivo do sector en relación con outras zonas, feito que ten unha consideración positiva cara á  súa comercialización, nun momento no que o consumo de caldos brancos medra fronte á baixada do consumo dos viños tintos.

En Galicia hai máis de 229.000 titulares de explotacións dedicadas á produción de viño, cunha superficie de unhas 32.600 hectáreas distribuídas en máis de 720.000 parcelas. Unha das particularidades da viticultura galega é o seu pequeno tamaño (1.500 metros cadrados por explotación e menos de 500 metros cadrados por parcela), que representa unha dificultade estrutural para o sector e demostra a elevada orientación da viticultura galega cara ao autoconsumo.

Case a metade da superficie do viñedo galego concéntrase en Pontevedra, con máis de 15.000 hectáreas. Ourense ocupa o segundo lugar, con preto de 12.000 hectáreas, polo que entre as dúas provincias acaparan o 85% da extensión do viñedo galego. A Coruña e Lugo equipáranse en superficie, con case 2.500 hectáreas cada unha.

También te puede interesar