A Sociedade Xenética Fontao encárgase da xestión do Centro de Selección e Reprodución Animal de Galicia, que conta cuns 250 sementais, de razas Holstein e Rubia Galega para a produción leiteira e cárnica. Ademais, tamén posúe un banco de dose de raza Pardo Alpina e das razas Morenas Galegas.
No ano 1999, este Centro de Escolma e Reprodución creou o Laboratorio de Xenética Molecular, converténdose nunha unidade para a prestación de servizos a través do emprego da biotecnoloxía do ADN nos campos da sanidade e da produción agropecuaria.
A través dos servizos do Laboratorio, o Centro de Reprodución consegue identificar e analizar a ascendencia (pedigrí) dun individuo coa finalidade de certificar a calidade dos animais, permitindo deste xeito unha trazabilidade do 100% na industria da carne e do leite. A detección dos animais portadores de enfermidades xenéticas tamén é un dos obxectivos deste Laboratorio, xa que no Centro de Reprodución os animais son produtores de seme para inseminación artificial e empréganse embrións para a transferencia embrionaria ou ovocitos para a fecundación in vitro.
Toda unha cadea de valores que cumpren a intención de conseguir gando de primeira calidade para garantir aos consumidores e axentes económicos que o sector, dedicado á comercialización da carne, goza do prestixio esperado.
Sementais con galardóns
Nas últimas valoracións xenéticas, revalidouse a calidade dos mellores sementais consolidando o produto galego. O touro Mario Xacobeo segue a liderar o ránking español, mentres se consolida en Holanda e Reino Unido e pasa ao posto 40º no Top 100 TPI USA Internacional. Os datos reflicten a calidade e mellora xenética impulsada por este organismo, un traballo completo que leva preto de vinte anos na Comunidade Autónoma de Galicia.
Xenética Fontao
A empresa encargada destes organismos é Xenética Fontao S.A., de carácter público, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) e das asociacións de gandeiros FEFRIGA (Federación Frisona Galega) e ACRUGA (Asociación Nacional de Criadores de Gando Vacún Selecto da Raza Rubia Galega).
Os programas de mellora xenética que está a levar este organismo están contribuíndo ao incremento das capacidades produtivas das razas de gando explotadas en Galicia, tanto na calidade como na cantidade, con medidas destinadas á prestación de apoio técnico necesario para, deste xeito, mellorar a eficacia e a profesionalidade das explotacións gandeiras.
Xenética Fontao é membro institucional da Sociedade Internacional para a Xenética Animal (ISAG), participando na realización das probas de comparación internacionais para as especies bovina, equina, ovina, caprina, canina e porcina. Así mesmo dispón da acreditación do International Committee for Animal Recording (ICAR).