Destacados Vigo al minuto

O Plan Renove chega agora ás fiestras

As fiestras poden aforrar consumo enerxético
As fiestras poden aforrar consumo enerxético

Un total de 207 instaladores formalizaron xa a súa adhesión desde que o pasado día 9 de novembro se abriu o prazo para participar no Plan Renove de Fiestras 2009 do Instituto Enerxético de Galicia, dependente da Consellería de Economía e Industria, cuxas axudas se poderán solicitar desde o vindeiro 1 de decembro. Dos máis de douscentos establecementos que ata o momento se uniron a esta iniciativa de mellora da eficiencia enerxética das vivendas mediante a substitución de fiestras, 175 corresponden a renovacións, isto é, trátase de establecementos que xa tiñan participado neste programa en anteriores convocatorias, mentres que os restantes 32 son altas novas. Para o primeiro caso, o prazo de adhesión manterase aberto ata o próximo 30 de novembro, mentres que os instaladores que tomen parte por vez primeira na iniciativa poderán inscribirse ata que finalice a campaña. As previsións son alcanzar unha participación de máis de 500 establecementos.

O Plan Renove de Fiestras está dotado cun orzamento inicial de 1,2 millóns de euros e suporá un investimento asociado total de preto de 5 millóns. A contía das subvencións alcanza ata un máximo do 25% do custo total da obra, cun límite máximo de 100 euros por metro cadrado.

Serán obxecto de subvención a través deste programa do Inega a substitución de novas fiestras que separen estanzas calefactadas do exterior, sempre por outras de igual tamaño, e cando cumpran os requisitos de dispoñer de marcado CE; de ser de carpintería de madeira ou PVC con dobre acristalamento e cámara mínima de 12 mm. ou de 6 mm. baixo emisivo; de ser de carpintería metálica con rotura de ponte térmica de cando menos 12 mm. ou superior cun acristalamento de 6 mm. de cámara e baixo emisivo.

O Plan subvencionará a renovación de fiestras desde o 1 de decembro ata o 30 de outubro de 2010 ou ata o remate de fondos, xa que estes poderán ser ampliados en función da demanda e da dispoñibilidade de remanentes doutras actuacións. Na anterior convocatoria chegouse a máis de 3 millóns de euros de demanda sobre uns fondos iniciais de 500.000 euros.

  • Substitución de fiestras en 1.000 vivendas

Con esta campaña o Inega continuará apoiando o aforro enerxético nos fogares galegos cunha previsión de substitución de fiestras en 1.000 vivendas, coas que se conseguirá un aforro de enerxía primaria estimado en 1.356 MWh, o que supón evitar a emisión de 274 toneladas de CO2 á atmosfera.

  • Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios as persoas físicas ou xurídicas de natureza pública ou privada, propietarios, usufrutuarios ou arrendatarios de vivendas, edificios de vivendas ou edificios destinados a outros usos.

  • Proceso de obtención da axuda

O comprador dirixirase a un instalador adherido ao Plan Renove de Fiestras 2009 e terá que adquirir a carpintería obxecto da subvención. A continuación o instalador realizará a solicitude de fondos mediante a aplicación web www.inega.es/planrenovefiestras2009, imprimirá o impreso da axuda e o comprador asinará a súa conformidade.

O instalador disporá de 60 días para realizar a obra e despois cobrará o importe da factura co desconto da axuda establecida, calculada na aplicación informática. Finalmente o instalador remitirá toda a documentación ao Inega para o cobro da axuda.

También te puede interesar