Estar convalecente é unha boa oportunidade para deterse no camiño, mirar para atrás e coller folgos para proseguir. Levo tempo rumiando a verba “humanizar” e particularmente aplicado a nosa querida cidade, Vigo.
Lembro con nostalxia cando empecei a participar no movemento veciñal do meu barrio, nos anos oitenta. Os que naquel momento traballaban gratuitamente nas asociacións tiñan unha teima: era reivindicar as infraestruturas e as dotacións básicas dos barrios e parroquias (daquela non se empregaba “humanizar”). Isto traducíase en procurar beirarrúas, alumeado público, espazos de convivencia dos veciños e veciñas, dotacións culturais e deportivas, etc. Nalgúns casos mesmo, sobre todo nas parroquias, tratábase de asfaltar camiños, lograr que o saneamento e a traída chegase as casas, etc. Foron anos moi intensos, de moita actividade, dialéctica e controversia. Sentíamos como participabamos na construción do noso entorno vital mais próximo, o propio dunha veciñanza desperta e activa.
A propósito desta forma de traballar, con motivo da campaña de mobilidade efectiva que estamos desenvolvendo dende a Federación Veciñal, tiven ocasión de reler de novo o libro “Desarrollo y deterioro urbano de la ciudad de Vigo”, de J.L. Pereiro Alonso. Aparte de seguir sorprendéndome cómo xa nos anos 30 había xente preocupada por face de Vigo unha gran cidade, ordenada e con proxección de futuro, tamén me reconforta ler como “…se identificamos las asociaciones de vecinos como las comunidades de barrio, aquéllas son tan antiguas como la ciudad misma. Pero las asociaciones vecinales, como movimientos sociales urbanos, surgen ante la inexistencia de una defensa de los intereses de los ciudadanos como consumidores de bienes colectivos urbanos de la ciudad industrial. (…) el crecimiento urbano ha estado controlado por unas clases que no tenían el menor interés en el desarrollo armónico de la ciudad, sino en hacer de ésta el marco de sus beneficios económicos. Por todo ello … surge un fenómeno, patrocinado por parte de la población afectada por la degradación del medio urbano, que se canaliza a través de una lucha por mejorar las condiciones de vida de las comunidades de vecinos”.
Naquela época, os responsables políticos de turno traballaban intensamente coa xente, coñecían os problemas de preto, buscaban solucións cos representantes veciñais e, finalmente, acadábanse consensos.
Evidentemente, o obxectivo destes responsables políticos era manterse no poder, pero tamén entendían que tiña que realizarse da man dos cidadáns, que eran os que coñecían as necesidades colectivas mellor que ninguén. Eí estan, por exemplo, a “manifestación dos caldeiros” protagonizada pola asociación veciñal de Lavadores, solicitando solución ao problema de auga no barrio; ou a participación dos veciños no Plan da Florida nos anos 70. Non sei porqué, pero teño que recoñecer que o slogan daqueles tempos “Por un Vigo millor” sigue atraéndome.
Aqueles tempos pasaron e necesariamente moitas daquelas necesidades colectivas básicas están resoltas. Con tal motivo os veciños e veciñas acomodámonos, fomos entrando igual que toda a sociedade nunha dinámica mais individualista e delegamos nos representantes públicos a labor de manter as conquistas logradas. Isto é mais evidente nos barrios urbanos e menos nas parroquias, onde aínda se mantén un sentimento comunitario maior.
Caseque sen darnos conta, vemos como a sociedade viguesa paulatinamente se está aletargando e, por falta de dinamismo e liderado dos seus representantes políticos, estase perdendo o tren da evolución natural das medianas cidades europeas. Onte mesmo, na asemblea da Federación veciñal na que participaron moitos dos presidentes e presidentas do movemento veciñal, abordábase o retraso inadmisible sobre a construción do Novo Hospital de Vigo, sobre a falla dun transporte metropolitano áxil e económico, sobre a depuradora e o conseguinte saneamento da ría, sobre o albergue de transeuntes –por certo, que se cumpriu o que dicíamos que virían os fríos e a xente estaría na rúa “tirada”-, sobre as infraestruturas terrestres e de ferrocarril, sobre os xulgados, e non sei cantas cousas mais. O nexo común de todos estes temas é que xógase ao ping-pong con eles por parte dos responsables políticos das múltiples administracións que teñen competencias. Pasa o tempo, pérdense orzamentos consignados e, ao final, os veciños e veciñas de Vigo –e de toda a área metropolitana, que cada vez mais hai que plantexalo así- volven a estar como na situación inicial da etapa democrática: ter que volver a asumir o rol da reivindicación da “humanización”, iso sí, moito mais complexa e, agora, cuns responsables políticos que perderon a costume de traballar coa xente, ou como se di agora, en base a democracia participativa.
As “humanizacións” iniciadas na década dos anos 70 e 80, coa participación veciñal, sentaron as bases dunha “gran cidade”. A presión do crecemento, sobre todo no centro urbano, fixo que a finais dos 90 houbera que iniciar unha nova “humanización”. A crise económica e o Plan E que se deseñou para mitigala, permitiu concluir este proceso.
O movemento veciñal está de acordo con “humanizar” pero considera que unicamente se centrou na pedra, ou sexa, no superficial, e o que nos parece grave fíxose sen contar coa participación e o coñecemento da realidade que teñen os veciños e veciñas -e así se cometeron erros de bulto que se han de pagar-. Ademais consideramos que, ademais de cerrar todos os temas que temos abertos- “humanizar” supón acadar un novo consenso con toda a sociedade viguesa sobre unha nova dinámica da cidade: transporte público que permita deixar o coche na casa e chegar a tempo, espazos públicos onde poder convivir e relacionarse, programas estables que permitan que os veciños e veciñas sexamos protagonistas da nosa cidade e non meros consumidores pasivos de actos, en definitiva, oportunidades para que os nosos fillos e fillas estean “humanizados” nunha cidade ou área metropolitana que os acolle e que lles invita a que se queden a vivir en ela para sempre.
Elena González, presidenta da Favec.