Os Parques Naturais e Nacional de Galicia recibiron a visita de máis de 631.000 persoas ao longo deste ano 2009. Os parques con maior afluencia foron o Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, con preto de 300.000 persoas, e o Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, con 274.716 visitantes.
A Rede de Parques de Galicia está composta por seis parques naturais, a Serra da Enciña da Lastra, Monte Aloia, O Invernadeiro, o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, Fragas do Eume e o Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán; e un parque nacional, o P.N. Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.
Esta elevada afluencia pon de manifesto a calidade natural e paisaxística que posúe o territorio galego, o prato forte da Comunidade Autónoma en canto ao turismo nacional. O director xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, Ricardo García-Borregón Millán, destacou os recursos naturais dos que pode presumir Galicia e manifestou o interese da Xunta en dar a coñecer os parques do interior (principalmente, o Xurés e o Invernadoiro) que contan cuns valores naturais excepcionais pero pouco coñecidos.
Medidas de conservación
As principais medidas que se levaron a cabo nos distintos parques foron de conservación da fauna e flora destes conxuntos. As liñas estratéxicas encamiñáronse ao control e erradicación de especies exóticas invasoras vexetais, tales como o eucalipto e o piñeiro, e animais, como a rata negra ou o visón americano (localizado no P.N. Illas Atlánticas).
En canto a actuacións, a Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, centrouse nas medidas de protección de hábitats e especies para, deste xeito, protexer as zonas que albergan hábitats de interese e zonas de cría de especies.
Procedeuse ao arranxo das infraestruturas presentes nos distintos espazos, tales como os Centros de Interpretación da Natureza e Centros de Visitantes; reparación e reforzamento de pontes e refuxios e acondicionamento de camiños e sendeiros.
Defensa contra incendios forestais
O mantemento de cortalumes, desbroces e actuacións silvícolas foron claves para a prevención de lumes forestais. As brigadas de conservación procederon á realización de corta e apilado de madeira derribada polos temporais.
Ademais, os distintos parques apostaron pola concienciación da poboación mediante folletos, recomendacións e normativa. A redución de residuos, sobre todo naqueles parques autorizados e dotados de instalacións para acampar, axudou en gran medida á conservación destes paisaxes naturais.
Educación Ambiental
Os programas de visitas guiadas tiveron moi boa acollida entre os visitantes. A orientación das mesmas baseouse en actividades relacionadas co significado dos espazos, a súa necesidade de conservación e a influencia socioeconómica nas poboacións colindantes.
Levouse a cabo o programa “Vive ao Natural” que, ademais de itinerarios interpretativos guiados por monitores, contou cunha serie de exposicións, charlas e proxeccións audiovisuais.
Candidatura á Reserva da Biosfera
En maio deste ano, a UNESCO aprobou a candidatura transfronteiriza Gerês – Xurés (presentada en marzo de 2008) para converter unha superficie total de 267.958 hectáreas en Reserva da Biosfera. Actualmente, estase a traballar na constitución dos órganos de xestión e no plan de acción de reserva.
O programa de cooperación transfronteiriza España-Portugal 2007-2013 traballa na xestión conxunta do Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés co Parque Nacional da Peneda Gerês.