O Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisou durante o mes de novembro un total de 6.072 quilos de especies e 1.231 bens e aparellos como resultado de diferentes operativos de control realizados por terra, mar e aire.
Do total de produtos pesqueiros comisados, 2.955 quilos pertencen a varias especies de peixe, entre as que destacan o xurelo, do que se comisaron 2.865 quilos. Outros 2.639 quilos do requisado correspóndese co grupo dos crustáceos, sendo a especie máis comisada a centola con 2.370 quilos, xa que estivo vedada ata o 23 de novembro. O polbo é a terceira especie máis comisada no mes de novembro, no que os axentes requisaron 317 quilogramos deste cefalópodo.
En canto aos bens e aparellos incautados polos Gardacostas, destacan 6 embarcacións, e as nasas son os aparellos dos que máis se incautaron os axentes, sobre todo as de nécora, das que se requisaron 608 e as de polbo con 406 incautadas. Outros útiles expropiados foron viveiros, pezas de Miño e salabardos.
Este balance é o resultado de máis dun milleiro de inspeccións levadas a cabo en novembro polos efectivos de Gardacostas. Entre as realizadas en dito mes cabe salientar un operativo realizado na lonxa da Coruña no que se comisaron 2.800 quilos de xurelo por exceso de cupo. Tamén é reseñable o comiso de 736 quilos de xouba no Porto de Ribeira por exceso de cupo establecido pola orde que regula as capturas dos barcos de cerco. A estes hai que sumar outra intervención na zona do Porto de Camelle na que se requisaron 7 salabardos con 351 quilos de centola, debido a que estaba vedada e prohibida tela en cautividade. Outra operación a destacar é a desenvolvida en Panxón en colaboración con axentes do Seprona da Garda Civil, na que se requisaron 220 quilos de centola, tamén por estar vedado. Ademais na Ría de Camariñas houbo un operativo que resultou coa confiscación de 192 quilos de centola que se atopaban no interior de gaiolas e salabardos antirregulamentarios e nun establecemento de Marín confiscáronse 182,5 quilos de polbo por carecer de documentación e procedencia.
Respecto da incautación de aparellos, un dos operativos máis importantes foi no porto deportivo do Grove, onde requisaron unha chalana ao carecer de nome e folio con 3 salabardos colgando. Cabe destacar ademais o operativo da Ría de Muros- Noia, do que resultaron incautadas 170 nasas de nécora sen identificar e caladas en zona prohibida. Cabe salientar outra intervención levada a cabo no Porto de Ferrol na que se requisaron 178 nasas por estar sen identificar e calados en zona prohibida.