A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, destina un orzamento de 1.208.754 euros á obras e actuacións para mellorar a situación de 13 estacións de autobuses en toda Galicia. A de Vigo recibirá 338.000 euros para mellorar o sistema eléctrico.
Trátase de 8 actuacións que teñen por obxectivo arranxar a situación de deterioro dos teitos destes puntos de chegada de pasaxeiros e actuar no mantemento das instalacións eléctricas das estacións. Concretamente, levaranse a cabo 5 actuacións de mantemento da instalación eléctrica, cuxo importe se eleva a 806.168 euros; mentres que 3 das accións proxectadas serán de arranxo dos teitos.
Unha das primeiras actuacións promovidas pola Consellería de Medio Ambiente –a través da Dirección Xeral de Mobilidade- foron unhas obras nas estacións de Lugo e Ourense, que xustamente veñen de concluír.
No caso de Lugo, as obras consistían na construción duns servizos hixiénicos nos que se procura facilitar a accesibilidade dos usuarios da estación de autobuses. A segunda actuación programada para esta estación, correspondeu á posta ao día do cadro eléctrico da estación, elemento que se atopaba moi deteriorado a causa das sucesivas reformas das que foi obxecto ao longo do tempo. As obras tiveron un custe total de case 58.000 euros.
Cómpre sinalar que a mellora levada a cabo en Lugo respondía a un compromiso do actual presidente da Xunta que se comprometeu a resolver os problemas máis acuciantes, á espera de tomar unha decisión definitiva acerca da estación intermodal de Lugo, que será unha realidade coa chegada do AVE a esta cidade.
Por outro lado, tamén se proxectou unha actuación de rebaixe de dársenas e remate de pavimentación no patio de manobras da estación de autobuses na cidade de Ourense. As obras –que comezaron no verán- contaron co apoio económico do departamento que dirixe Agustín Hernández, que investiu nesta intervención máis de 129.000 euros.
Esta estación de autobuses foi inaugurada en 1988 e debido ao seu uso presenta certas deficiencias no patio de manobras, que na actualidade é de firme flexible. Despois das obras, adaptaranse as dársenas aos novos autobuses, tanto na lonxitude coma na altura dalgunhas delas. Así mesmo, procedese á substitución do firme flexible en mal estado por un firme ríxido de formigón.
Por outra banda, estas modificacións xustificáronse tamén porque os novos autobuses de baixa plataforma teñen problemas para manobrar no seu xiro de acceso e saída ás dársenas, non soamente pola súa lonxitude se non tamén polo seu alto.