Cada día hai máis xente que precisa axuda e menos xente que a ofrece e, en época de crise e se se trata de colaborar con alimentos, a situación agudízase preocupantemente. Coa solidariedade como bandeira, un grupo de 18 estudantes de 4º da licenciatura de Administración e Dirección de Empresas puxéronse mans á obra para tentar, na medida das súas posibilidades, axudar aos que máis o precisan en necesidades tan básicas como a alimentación. Marta Teba e María Rodríguez son dúas destas mozas que, tras anos colaborando en actividades de voluntariado, participan neste “operación quilo” que comezou o pasado 24 de novembro co obxectivo ambicioso de acadar 1000 quilos de comida, un por cada estudante deste centro.
Cun posto na entrada da facultade e ata as vacacións de Nadal están a recoller todo tipo de alimentos non perecedoiros, en colaboración co Banco de Alimentos de Vigo. Segundo explica Marta, “non se trata de que xuntar polvoróns nin turrón, porque a xente o que precisa son alimentos básicos, hai xente moi preto pasando fame”. Ata agora teñen recorridos arredor de 150 quilogramos pero “as nosas expectativas son altas e seguiremos aquí para seguir recibindo a solidariedade non só dos nosos compañeiros, senón de profesores, traballadores e de toda a comunidade universitaria do campus”, apunta María.
A idea é que, cun pouco de colaboración de cada un se pode axudar a moitos, xa que o Banco de Alimentos se encargará de repartir os produtos recollidos por comedores, residencias ou parroquias. Sobre a resposta colleitada ata agora, tanto María como Marta coinciden en destacar que está a ser bastante duro pola falta de información e apelan á solidariedade. “Esta é a primeira iniciativa deste tipo que se fai no noso centro e, a primeira semana non foi moi frutífera, pero agora estamos conseguindo máis implicación dos nosos compañeiros.
Mocidade solidaria
A idea de organizar esta operación 1000 alumnos, 1000 quilos, xurdiu, como explica Marta, “dunha profesora que nos deu o empurrón necesario para isto” apostando por unha formación máis aló da académica, que traballe en valores para desenvolver unha responsabilidade social corporativas nos futuros profesionais. “A nosa primeira sorpresa foi ver que, dunha clase de 30, 18 nos embarcamos nesta iniciativa e colaboramos na recollida, no transporte, na elaboración dos carteis e na publicidade”, apunta, aínda que destaca que bota en falta “máis difusión deste tipo de actividades entre o estudantado xa que precisamos, moitas veces, unha pequena axuda para comezar a traballar en solidariedade”.
Para moitos destes mozos esta non é o primeiro achegamento ao mundo do voluntariado. María estivo anteriormente colaborando en outras campañas de Nadal e en campañas con nenos con parálise cerebral coa asociación Hoy por Ayer. No caso de Marta, a experiencia previa pasa polo coidado de anciáns, por unha gardería para nenos discapacitados e por un albergue para alcohólicos. “Este tipo de actividades toca moito a fibra sensible e ves que, ademais de necesidades como a comida ou a roupa, a xente tamén precisa cariño e trato persoal”, explica Marta.
Boa parte destes mozos que colaboran estes días na “operación quilo”, participarán nunha actividade de voluntariado ambiental en colaboración coa Oficina de Medio Ambiente da Universidade. O vindeiro día 22 e pola súa propia iniciativa dedicarán a mañá por unha banda, á plantación de árbores na contorna da Facultade de Ciencias Económicas e Empresarias e, por outra, á construción de herpetorrefuxios para réptiles. Cada día hai máis xente que precisa axuda e menos xente que a ofrece e, en época de crise e se se trata de colaborar con alimentos, a situación agudízase preocupantemente.
Fonte: Duvi-M. Del Río