Galicia

O Parlamento aproba unha moción para ampliar as prazas de Medicina

Vigo quere tamén facultade de Medicina
Vigo quere tamén facultade de Medicina

O Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha iniciativa socialista que reclama á Xunta a que incremente as prazas de medicina ata 400 para o curso 2010-2011. A proposta foi defendida polo portavoz de Sanidade do PSdeG-PSOE, Modesto Pose, quen solicitou un “incremento razoable de prazas” para atender os “problemas graves” derivados da falla de facultativos na sanidade galega.

Esta iniciativa contempla tamén continuar incrementando o número de prazas atendendo ás especificidades de Galicia e empregando “tódalas infraestruturas sanitarias”. Tamén reclama que os alumnos de medicina poidan empregar tódolos centros sanitarios da rede do Sergas para a súa formación práctica, así como garantir a “cobertura das necesidades de formación práctica do actual curso académico”.

Pose advertiu da urxencia de incrementar o número de prazas pola ausencia de facultativos na sanidade galega. Sinalou neste sentido que “podería ocorrer que dentro dun mes houbera hospitais que non poidan cubrir o servizo especial de urxencias pediátricas”, e engadiu que hai hospitais en Galicia que “só contan con tres facultativos para facer as gardas de pediatría”.

Na iniciativa presentada, o parlamentario socialista reclamou a devandita ampliación porque a Facultade de Medicina “conta con prazas reducidas” que neste momento, por mor do Plan Bolonia, “terán que ser compartidas con outros estudantes de fora de Galicia”. Sinala que “é o momento idóneo” para levar a cabo estas medidas debido ás “dificultades para cubrir as necesidades de profesionais de Medicina”.

También te puede interesar