O tenente de alcalde e concelleiro de Turismo, Santi Domínguez, de que un grupo composto por 25 maiores de 65 anos está a participar no curso de Voluntariado Turístico. Precisamente unha das actividades formativas que se enmarca neste curso tivo lugar a bordo do barco Hidria Segundo e consistíu nun percorrido pola ría de Vigo, no que os participantes puideron coñecer diferentes aspectos sobre a ría, a actividade portuaria ou os estaleiros.
Durante a travesía a bordo do vapor, o tenente de alcalde destacou que con esta iniciativa se cumpren dous obxectivos fundamentais. Por unha banda, que as persoas maiores participantes aprendan a historia da cidade ou idiomas e descubran a ría cunha perspectiva diferente, e por outra, que a cidadanía se involucre “na procura de vender cidade”. Neste sentido, Santi Domínguez sinalou que unha vez que este curso remate, os voluntarios participantes estarán “a disposición dos visitantes” para mellorar a súa acollida.
O tenente de alcalde explicou que as 25 persoas participantes están divididas en dous grupos, co obxectivo de que as xornadas sexan “máis persoais”. Anunciou que ao remate desta convocatoria haberá a posibilidade para que máis maiores de 65 anos se sumen á iniciativa. “Vigo é unha cidade turística por excelencia, e hai que vendela na súa globalidade”, manifestou, polo que asegurou que ao respecto xogará un papel fundamental o Plan de Competitividade Turística, recentemente asinado.
O plan de formación do Voluntariado Turístico de Vigo tamén contempla un apartado de idiomas, para que os participantes adquiran nocións básicas de inglés, francés e alemán, así como información específica sobre os lugares de interese turístico da cidade e a súa historia. Desta forma terán unha preparación axeitada para desenvolver o seu labor nas épocas de maior presenza de turistas en Vigo.
Os participantes amosaron en todo momento unha gran disposición a recoller todo tipo de explicacións que lles ofrecía unha guía. Asemade explicaron que están moi satisfeitos coa actividade de formación que están a desenvolver, así como o seu desexo de contribuír a mellorar a imaxen turística da nosa cidade.