Sin sección

A Xunta demandará que se priorice o sector lácteo tanto como o de cítricos e aceite

Galicia é o maior productor español de leite.
Galicia é o maior productor español de leite.

Alberto Núñez Feijóo

 

demandará mañá, no marco da Conferencia de Presidentes, que se priorice o sector lácteo, igual que se fixo co aceite e os cítricos, así como que Galicia sexa a sede da interprofesional láctea.

 

En definitiva, a Xunta reivindicará “que ao sector lácteo se lle trate de igual modo que se ten feito con outros sectores agrarios noutras ocasións que ten habido dificultades” e exixirá ao Goberno español “que defenda os intereses de España no marco da Política Agraria Común”.

Medidas urxentes e de carácter estrutural

Galicia solicitará  unha maior implicación do Goberno español cos problemas do sector lácteo e medidas “urxentes e de carácter estrutural” para paliar a difícil situación que está a atravesar o sector.

O presidente da Xunta exporá ante o Executivo central que, a xuízo do Goberno galego, a solución  pasa por ofrecer “unha axuda inicial ao sector” consistente en “inxectar liquidez” a través de préstamos, subvencións dos intereses dos préstamos concedidos e anticipos de determinadas axudas de desenvolvemento rural. Unha materia na que considera fundamental a implicación do Goberno, a través do Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, implicación, sinala, “que ata o momento consideramos claramente insuficiente”.

Deste xeito, Núñez Feijóo solicitaralle maior implicación económica ao Ministerio para colaborar con esta situación xa que, lembra, “fomos as comunidades autónomas as que unilateralmente temos apoiado, con axudas directas, ás explotacións lácteas, sen colaboración algunha por parte da administración central”.

Así mesmo, o presidente galego solicitará a distribución polo MARM da cota asignada a España integrada na Reserva Nacional, que está sen distribuír desde a campaña leiteira anterior; as transferencias de cota entre explotacións, paralizadas desde 2005; unha maior implicación a través da intersectorial láctea para colaborar na vertebración do sector, xa que, afirma, “o Ministerio está ausente neste sentido”; e unha política de negociación intensa coas grandes superficies.

Importancia do sector lácteo en Galicia

Feijóo argumentará  todas estas demandas na importancia que ten o sector lácteo na comunidade galega. Así lembraralle ao Goberno español que Galicia é  a quinta comunidade española que máis achega ao PIB en termos de agricultura, gandería e pesca (8,2% do total) e que nesta comunidade o sector primario ten un peso superior ao do conxunto do Estado (1,6 puntos por enriba da media).

O subsector lácteo supón case a metade da produción total dentro do sector gandeiro e, a pesar de que Galicia é a primeira produtora de leite en España, é a comunidade coa menor ratio de cota por explotación. A produción láctea galega ascende ao 36,7% da produción española e máis de 40.000 persoas viven directamente deste sector e outras 10.000 de maneira indirecta.

Feijóo tamén subliñará  o importante labor social deste sector como dinamizador da actividade económica de moitas comarcas e áreas rurais de Galicia e como o factor máis determinante que contribúe ao mantemento e fixación da poboación en amplas zonas do rural de Galicia.

También te puede interesar