Permite regresar a la AP-9 o entrar en Vigo, si el aparcamiento está completo
Leer más
A Xunta tamén quere loitar contra o cambio climático
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, presentará antes de que remate o presente ano o Programa Marco de acción contra o cambio climático 2010-2020. Trátase dun proxecto medio ambiental que implicará de forma transversal a todas as consellerías da Xunta de Galicia, que conterá un conxunto de proxectos estratéxicos, que se enmarcarán dentro do cumprimento do acordo que se acade no Cumio de Copenhague. Este acción de Goberno ten como obxectivo último e principal acadar os obxectivos globais que se establezan para o ano 2020.
Cómpre sinalar que a Xunta de Galicia vén establecendo distintas medidas e ferramentas para avanzar na loita contra o cambio climático, como por exemplo a creación dunha Subdirección Xeral de Investigación, Cambio Climático e Información Ambiental, un departamento da Xunta que aglutina a xestión dos proxectos e das redes de observación das distintas compoñentes do sistema climático.
Outro dos proxectos nos que se está a traballar é no desenvolvemento de medidas de adaptación ao cambio climático, a partir de conclusións derivadas de proxecto de investigación CLIGAL (Evidencias e Impactos do Cambio Climático en Galicia). Este proxecto, no participan preto de 100 investigadores de tódolos centros de investigación galegos, analízanse as evidencias e impactos do cambio climático en Galicia, e procedese á identificación e avaliación de vulnerabilidades, que permitirán elaborar guías de adaptación sectoriais. Outro dos proxectos nos que participa a Consellería é un sobre a adaptación aos efectos derivados do cambio climático (Adaptaclima). Un dos seus principais obxectivos é promover e desenvolver medidas de adaptación da sociedade aos futuros escenarios derivados do cambio climático.
A loita contra o cambio climático tamén se asume dende o seguimento de inventariados de emisións de gases efecto invernadoiro. A análise da evolución temporal das emisións de gases de efecto invernadoiro, tanto a nivel global como sectorial, permite a identificación daquelas áreas cun maior potencial de redución e posibilita a definición de políticas de mitigación precisas e efectivas.
Unha clave: a sociedade informada e formada
Dende o Goberno galego deféndese que a loita contra a cambio climático é unha responsabilidade do conxunto da sociedade, polo que a base dunha colaboración eficiente e eficaz é a formación.
Neste eido, o Goberno galego ten deseñado dous tipos de actuacións, as exposicións e obradoiros sobre o cambio climático a través dos concellos galegos e o proxecto Climántica, unha medida dirixida, especialmente, ao sistema educativo xeral, e a sociedade, en xeral.
O proxecto Climántica é un programa de educación ambiental organizado pola Secretaría Xeral de Avaliación e Calidade Ambiental, en colaboración coa Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. Este proxecto, que se iniciou en 2006, é froito dun traballo en equipo levado a cabo por diferentes expertos. As ferramentas formativas de Climántica están dirixidas aos alumnos de secundaria, polo que ao longo de oito unidades didácticas, sinxelas e eficaces, preséntanse os grandes problemas ambientais, á vez que se relacionan co cambio climático a nivel global.
Toda a documentación das unidades xunto coa información xeral, está accesible no espazo web www.climantica.org, onde tamén se deseñou unha plataforma de traballo para os docentes. De feito, dende a posta en marcha do proxecto obtivo unha notable repercusión internacional polas características e a accesibilidade ao material didáctico.
Participación activa nas políticas europeas
As comunidades autónomas acordaron, por unanimidade, un texto no que se respalda a posibilidade aumentar o compromiso de redución das emisións de gases de efecto invernadoiro ata un 30% con respecto aos niveis de 1990, e se cualifica como indispensable incorporar a este esforzo conxunto a países considerados grandes emisores e a economías de forte crecemento, xa que sen a súa participación non será posible avanzar na loita contra o cambio climático.
As autonomías tamén fan fincapé na necesidade de crear incentivos para deseñar tecnoloxías de baixas emisións; asegurar as axudas inmediatas a países vulnerables para que poidan facer fronte aos efectos do cambio climático, creando un Fondo de adaptación; e deseñar planes de mitigación apropiados a nivel nacional, establecendo un proceso de apoio a estas medidas.