A Asociación Galega de Empresarios Depuradores de Moluscos, veñen de poñer en marcha “
Mexillón Solidario”. A iniciativa, xurdida a raíz da proposta de varias asociacións de bateeiros que solicitaron a colaboración da Xunta, céntrase en repartir arredor de 12 toneladas de mexillón de calidade entre 24 comedores sociais e cociñas económicas de toda Galicia. Con esta cantidade serviranse preto de 24.000 comidas.
A Consellería do Mar decidiu apoiar ás 9 asociacións de produtores de mexillón e ás depuradoras de moluscos integradas na Asociación Galega de Empresarios Depuradores de Moluscos (AGADE), contribuíndo á organización e difusión da campaña. Pola súa banda, a Consellería de Traballo e Benestar axudou a poñer en contacto ás asociacións de bateeiros con centros benéficos de toda a comunidade para organizar o subministro deste molusco segundo as necesidades destes establecementos. OPMEGA, FARN, Cabo de Cruz, AMEGROVE, SOCOMGAL, Virxen do Rosario, Illa de Arousa, A Marxa, A Boirense e a asociación de depuradores AGADE, uniron esforzos para chegar a un acordo no reparto altruísta de mexillón.
O subministro deste molusco realizarase cada quince días durante os seis meses que inicialmente se prevé que dure a campaña. Esta frecuencia e duración poderían variar en función da demanda dos establecementos e a dispoñibilidade das entidades. AGADE será a encargada de coordinar o abastecemento ás depuradoras así como a entrega das partidas de mexillón aos centros benéficos.