O tenente de alcalde destacou este mércores que o novo Centro Galego de Fotografía, que se ubicará nun inmoble da rúa Eduardo Chao recentemente adquirido polo Concello de Vigo, dará resposta a unha “demanda histórica da cidade”. Nunha visita ao espazo no que se instalará esta nova dotación cultural o concelleiro afirmou que o Centro Galego de Fotografía albergará a colección do Arquivo Pacheco, así como os fondos das diferentes Fotobienais celebradas en Vigo e outra coleccións que se irán adquirindo.
“Vigo foi unha referenza internacional durante moitos anos no ámbito da fotografía, polo que dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura consideramos fundamental que teña un espazo no que mostrar as riquezas fotográficas”, explicou Santi Domínguez. Afirmou que as novas instalacións contarán con 940 metros cadrados, que pertencen a un inmoble adquirido ao Consorcio do Casco Vello, en cuxa adquisición se investiron arredor dun millón de euros, e a outra edificación máis pequena que xa era propiedade do Concello.
Santi Domínguez sinalou que na actualidade se está preparando o proxecto arquitectónico para rehabilitar o edifico. “Grazas á emenda presentada pola deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, conseguimos un millón de euros do Estado para axudar ao financiamento desta obra“, destacou ao respecto. Segundo as previsións que apuntou o tenente de alcalde, a licitación das obras producirase a mediados do 2010 co obxectivo de que no 2011 o Centro Galego de Fotografía” sexa unha realidade a súa posta en marcha”, dixo.
O futuro Centro Galego de Fotografía albergará o Arquivo Pacheco, “que por fin terá un espazo digno”, salientou Santi Domínguez, así como o fondos das diversas Fotobienais que se celebraron na cidade, “nos que hai obras dos fotógrafos máis importantes do mundo”, afirmou. Neste sentido adiantou que a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Cultura están “en conversas” para adquirir outros arquivos fotográficos relacionados con Vigo e Galiza. Respecto á colección Llanos, e en resposta aos medios, o nacionalista reiterou que a Tenencia de Alcaldía “sempre quixo tela en Vigo”, polo que se lle fixo unha “oferta xenerosa, pero á que nunca tivemos contestación”.
O Centro Galego de Fotografía contará con salas de exposicións, fototeca, unha sala multiusus, zonas administrativas e almacéns. Reservarase tamén un espazo de 200 metros cadrados para habilitar unha zona adicada á restauración e documentación dos fondos pictóricos e escultóricos da pinacoteca da cidade.
Esta actuación supón, segundo o tenente de alcalde, un paso máis na recuperación do Casco Vello, e lembrou, neste sentido, que na rúa Eduardo Chao se fixo o ano pasado unha remodelación “nunha zona que estaba degradada”. Ao seu xuízo, a nova actuación afonda no dinamismo que se quere transmitir ao Casco Vello. O futuro Centro Galego de Fotografía e a nova pinacoteca servirán para “poñer á cidade na vangarda artística de Galiza e o estado español”, asegurou tras a visita, na que tamén participaron os concelleiros de Cultura, Xesus López, e Patrimonio Histórico, Eudosio Álvarez.