A secretaría xeral de Emigración a través da subdirección xeral da Inmigración e Retorno vén de presentar a campaña Sabemos o que é estar fóra da casa, a fin de contribuír a unha maior sensibilización social sobre as necesidades de integración intercultural ante a progresiva incorporación dos inmigrantes ao ámbito sociolaboral galego.
A campaña, que comeza mañá nas sete grandes cidades galegas, difundirase nos medios convencionais e, así mesmo, en soportes de mobiliario urbano e traseiras dos autobuses urbanos e de longo percorrido- traxecto Vigo- Madrid- para poder chegar a toda a sociedade galega.
Sabemos o que é estar fóra da casa elixiuse por ser “unha expresión emotiva que apela aos sentimentos e á hospitalidade dos galegos”, segundo Antonio Aguarón, subdirector xeral da Inmigración e Retorno e un concepto claro, sinxelo e fácil de descodificar polo público en xeral. Ademais a campaña levarase a cabo en catro linguas: galego, castelán, romanés e árabe.
Para atender as necesidades do colectivo inmigrante en Galicia, desde a Secretaría Xeral da Emigración estanse a desenrolar un abano amplo de programas que pasan pola información, asesoramento e orientación, facendo especial fincapé en dotar ao colectivo das ferramentas que lles permitan unha óptima integración social e laboral e unha convivencia harmónica.
“De aí que outro dos obxectivos que perseguimos sexa o de promover unha convivencia intercultural, polo que se potenciará a formación continuada en materia de mediación intercultural en toda a Administración pública galega i entidades que traballan canda os nosos inmigrantes”, engadiu Aguarón.
Galicia en cifras”
Actualmente hai en Galicia un total de 95.568 inmigrantes, cifra que case se cuadriplicou respecto do ano 2.000, que se rexistraban 25.602 empadroados. Os principias países de inmigración resultan: Portugal- 18.521 inmigrantes-, Brasil- 10.574, Colombia- 8.279-, Romanía- 5.187-, Arxentina- 5.148-, e Marrocos- 4.667.
En termos porcentuais, do total da poboación galega- 2.784.169 habitantes- os nosos inmigrantes representan un 3,4%, asentándose maioritariamente nas provincias de Pontevedra e A Coruña. O perfil dos novos galegos é o de xente nova, procedente case na totalidade de Latinoamérica, e que vén a Galicia fundamentalmente por motivos laborais.