Cultura Galicia

O Xacobeo inicia o camiño hoxe en Mondariz

O Gran Hotel Balneario de Mondariz acollerá a partir das 20:00 horas o primeiro gran evento musical do Xacobeo 2010 organizado pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, e a Fundación Mondariz Balneario.

A prestixiosa directora de orquestra Inma Shara dirixirá á Orquestra Sinfónica Nacional Checa nun concerto que estará presidido polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Ao acto está previsto que asistan tamén unha importante representación do goberno galego así como numerosos representantes da vida económica e social de Galicia.

A Orquestra Sinfónica Nacional Checa será a encargada de interpretar unha melodía expresamente creada pola directora vasca para este evento, que soará por primeira no concerto de Mondariz-Balneario. O programa do concerto desenvolverase en liña coa historia de Mondariz, interpretando un repertorio que evocará os diferentes momentos históricos da vila termal: o esplendor do século XIX coa apertura do Balneario, a guerra civil, o incendio de 1973 e a recuperación actual.

O concerto suporá  o comezo do Camiño da Música do Xacobeo 2010 e dará paso a un completo programa de actuacións no que os afeccionados á música clásica poderán disfrutar da presenza xa confirmada en Galicia de artistas de recoñecido prestixio internacional. Neste apartado, englóbanse as actividades previstas no “Xacobeo Clasics”. En concreto, o “Festival Xacobeo” traerá á Comunidade Autónoma a actuación de solistas da talla de Lang Lang (piano), Cecilia Bartoli (mezzo) ou Anne-Sophie, Mutter (violinista), así como a Orquestra do Palau de les Arts de Valencia, dirixida por Zubin Mehta, e a representación da ópera “Parsifal”, en versión de concerto con Vasily Petrenko.
 
Doutra banda, o “Festival Via Stellae” prevé máis de 100 concertos, en ciclos específicos como os Concertos Express, Xornadas de Música e Arte ou Off Stellae. Entre os directores confirmados atópanse William Christie, Christophe Rousset, Simone Kermes ou Jordi Savall. Tamén está prevista a actuación da: Mahler Chamber Orchestra e da Orquestra Barroca de Venecia.

  • Extenso e prestixioso currículo

Inma Shara é  unha das máis brillantes representantes da nova xeración de directores españois. Dirixiu diversas orquestras sinfónicas de primeiro nivel, entre os seus compromisos máis recentes destacan as colaboracións coa London Philarmonic Orchestra, a Filharmónica de Israel, o Sinfónico Nacional Checo, a Sinfónica de Milán, a Orquesta de la Suisse Romande (Suiza), a Sinfónica Nacional de Ucrania, a Orquestra Sinfónica do Teatro Reggio de Parma ou a Sinfónica Nacional Rusa.

También te puede interesar