O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou hoxe a axenda do ano 2010 elaborada con fotografías do Arquivo Pacheco. O nacionalista anunciou que o propósito é adquirir o Arquivo Ksado.
O nacionalista dixo que a fotografía é parte da historia e por iso cobra importancia conservar os arquivos fotográficos que recollen o pasado da nosa cidade. Xesus López indicou que con ese obxectivo hai dous anos se iniciou unha serie de iniciativas para que o Arquivo Pacheco fora patrimonio de toda a cidade. Así, abriuse o arquivo ao público, púxose en marcha o proxecto “Indagacións” para documentar os fondos, editouse o libro “Marcas de luz”, montouse a exposición “Mulleres”, iniciouse o proxecto “O espello da memoria” e fíxose no 2009 a primeira axenda con fondos do arquivo.
Nesa primeira axenda recollíanse imaxes de mulleres e a do 2010 ten como temática o periodo que sigue ao movemento militar do ano 1936 e que se prolongou durante catro décadas. “Foron uns anos que nos sumiron nuns terribeis anos de intransixencia, de medo, de violencia e de morte, nunha longa noite de pedra”, explicou Xesus López. Este ano editáronse 3.000 exemplares da axenda, que poderá aquisirse na Casa das Artes, o Museo Quiñones de León, o Marco e o Verbum a un prezo de 14 euros.
O concelleiro sinalou que esta axenda é un xeito de achegar á cidadanía a visión histórica da cidade a través do prisma de Pacheco. Xesus López asegurou que desde a Concellería de Cultura continuarán traballando pola memoria fotográfica da cidade e anunciou que recentemente se chegou a un acordo cos herdeiros de Ksado para a adquisición deste “importante arquivo”.
O nacionalista adiantou que a adquisición farase efectiva a principios de ano. O Concello mercará por 30.000 euros un total de 1.000 placas , copias e outros obxectos do fotógrafo. Xesus López explicou que Ksado foi un fotógrafo represaliado e como consecuencia unha parte dos seus fondos desapareceron, por iso cobra máis valor aínda que os que se conservan se poñan ao dispor do público.
O responsable de Cultura explicou que este arquivo sumarase ao Pacheco e as outras coleccións fotográficas que son propiedade do Concello. Todas elas pasarán a formar parte, a partir do ano 2011, do Centro Galego de Fotografía que se ubicará nun edificio da rúa Chao.
A preguntas dos xornalistas, sobre a posible negociación que o grupo municipal do PP estea mantendo coa Consellería de Cultura para traer a Vigo o Arquivo Llanos, o concelleiro lembrou que no mesmo ano no que chegou á Concellería de Cultura iniciou conversas coa familia Llanos para que esa colección estivera en Vigo, pero non houbo resposta. Aínda que dixo non ter coñecemento oficial do que está a facer o Partido Popular, apuntou que “estou encantado de que o PP por fin traballe en positivo por esta cidade e se sume ao esforzo que estamos a facer para que o arquivo Llanos estea en Vigo, que é onde ten que estar”.