Destacados Vigo al minuto

A Xunta investiu 350.000 € en mellorar o local de ensaio

O Goberno galego investiu no pasado ano 2009 un total de 1.100.000 euros no acondicionamento de seis locais de ensaio. O de Vigo, con 350.000 euros, foi o que máis presuposto se levou.  Así, a Consellería de Traballo e Benestar destinou 67.566 euros ás instalacións de Ribadavia, 40.000 ás de Carral, 350.000 ás de Vigo, 53.250 ás de Pobra do Caramiñal, 102.852 euros ás de Allariz e 180.000 euros ás de Bueu.

Na actualidade son 20 as instalacións deste tipo que existen en Galicia. De feito, Bueu inaugura mañá o seu, ao que denominou a Casa da Música. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado financiou a obra cun total de 200.000 euros, unha cifra que supón máis do 50% do custe total do proxecto, valorado en 398.331 euros.

As novas instalacións emprázanse na Escola Vella do Balado. Contan cun total de dúas salas multiusos, un despacho, aseos, dúas salas de ensaio, unha de gravación e un equipamento completo para que os grupos musicais da localidade pontevedresa e do seu entorno poidan utilizalo.

A vintena de locais que están en marcha suman máis de 30 salas de ensaio e distribúense por toda a xeografía galega. Así, dispoñen destas instalacións as localidades de Pontevedra A Guarda, Lalín, Tui, Bueu Cambados, Vilagarcía, Candeán (Vigo) e Redondela (Pontevedra), Ribadeo, Monforte e Ribadavia (Lugo), Betanzos, Mugardos, Santiago, Pontedeume, Boiro e Arzúa (A Coruña) e  Ribas de Sil, Ribadavia e Allariz (Ourense).

A maioría dos locais contan con un estudo de gravación e están equipados co instrumental necesario e a amplificación básica para un grupo de pop rock.

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado lembrou que esta iniciativa, que se desenvolve en colaboración cos concellos, ten por obxectivo acadar unha cobertura axeitada e o máis amplía posible de apoio á xuventude, unha das finalidades do programa de actuación da Consellería. No referente á colaboración coas entidades locais hai que lembrar que o sistema de xestión das salas corre a cargo dos concellos, xa que a propiedade dos locais é municipal.

A Administración autonómica colabora economicamente co acondicionamento das instalacións. De feito, a coordinación de todas as actividades lévase a cabo de forma virtual, a través da páxina web www.nsaio.org.

También te puede interesar