A Consellería de Economía e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio e da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, organiza a segunda edición da Mostra de Artesanía de Galicia (MOA), que se celebrará no recinto feiral IFEVI de Vigo durante os días 16, 17 e 18 de abril. O mesmo que na primeira edición, MOA está concibida como unha feira profesional especializada na exhibición e na comercialización da artesanía, onde o produto artesán galego a través da marca Artesanía de Galicia contará cun espazo destacado.
O obxectivo é que MOA funcione tamén como un escaparate da heteroxeneidade do sector e como unha mostra da alta calidade do produto artesán tanto de Galicia como de calquera outra parte do mundo. Os artesáns que estean interesados en participar como expositores na feira deberanse inscribir a través da páxina web www.moagalicia.es antes do luns 15 de febreiro. A organización da feira encargarase de facer unha selección dos artesáns que conformarán o listado final de expositores en base aos criterios de deseño, innovación, calidade e creatividade dos produtos, co obxectivo de garantirlle aos compradores profesionais o alto nivel artístico e artesanal das pezas.
Os artesáns interesados deberán acompañar o formulario de inscrición das fotografías e dos prezos profesionais de tres das súas pezas, ademais dunha breve descrición de cada unha delas e mais dunha explicación do proceso produtivo, dos materiais empregados e das técnicas empregadas para elaboralos. O prezo estándar de participación dos expositores é de 600 euros máis I.V.E. e a Consellería de Economía e Industria ofrece unha redución do 40% para aqueles expositores que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e que, polo tanto, dispoñan da carta de artesán ou da cualificación do seu obradoiro artesanal. Así mesmo, aplicaráselle tamén unha redución do 15% a todos os expositores que participaron na primeira edición de MOA, celebrada na Coruña do 27 de febreiro ao 1 de marzo de 2009.
En canto ao público obxectivo, a II Mostra de Artesanía de Galicia está dirixido a compradores dos eidos da decoración, do agasallo, do deseño e da arte, e a entrada será gratuíta para todos os visitantes profesionais que se inscriban a través da web www.moagalicia.es antes do 14 de abril. O público non profesional poderá acceder tamén ao recinto feiral a través de invitación ou do abono dos 10 euros que custa a entrada. Así e todo, o público non profesional só poderá asistir a MOA como visitante, posto que estará totalmente prohibida a venda directa de pezas dentro do recinto feiral.
Nesta segunda edición da feira introdúcese a cidade de Vigo como nova sede da Mostra de Artesanía de Galicia, co obxectivo de facilitar a afluencia e a comunicación do sector artesanal portugués e dos seus compradores profesionais. O Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) está situado a carón do aeroporto de Peinador, a 15 minutos en coche da fronteira portuguesa e a escasos minutos dos enlaces coa autovía das Rías Baixas e mais coa autoestrada AP-9, polo que se converte nun excelente punto de encontro para os profesionais do noroeste peninsular. O recinto tamén está conectado a diario coa cidade a través do autobús urbano (liñas 9 e 39). As datas de celebración desta segunda edición de MOA foron marcadas pola Dirección Xeral de Comercio e mais pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, en función da proposta realizada polas asociacións profesionais de artesáns. A feira estará aberta en horario de 10:30 a 20:00 horas, agás o venres 16, que comezará ás 12:00 horas.