Segundo esta información aportada polas confrarías, dende o seu comezo e ata o 30 de decembro, que tivo lugar a última xornada de 2009, nos Lombos do Ulla, capturáronse un total de 467.346 quilos de berberecho, 65.940 de ameixa fina, 124.964 de xaponesa e 4.079 de babosa aproximadamente. A evolución das capturas de ameixa babosa nesta zona durante os tres primeiros meses de campaña foi mellor que a dos últimos catro anos, mentres que as capturas de ameixa xaponesa tamén son maiores a da anterior campaña, que resultou ser a mellor da serie analizada dende 2002. Pola súa banda, a da ameixa fina foi unha das campañas máis importantes dos últimos anos. Nas 50 xornadas de traballo contabilizadas neste banco marisqueiro participaron un promedio de 374 embarcacións e unha media estimada de 553 tripulantes por día.
No Bohído obtivéronse 19.490 quilos de ameixa babosa, 3.444 de ameixa fina, 2.491 de xaponesa e 481 quilos doutros bivalvos, o que reflicte que parte da frota preferiu faenar no banco dos Lombos do Ulla, o que rexistra máis actividade. Durante a actividade destes tres meses nesta zona participaron unha media aproximada de 57 barcos e 73 tripulantes por día. A maioría das embarcacións que faenaron no Bohído de outubro a decembro foron as da Illa de Arousa.
Por outra banda, nesta campaña 2009-2010 engádese ao seguimento o banco de Cabío, onde se obtiveron 10.452 quilos de ameixa babosa e 45.856 quilos de ameixa rubia cunha evolución estable das capturas. Aquí o esforzo pesqueiro nas 50 xornadas foi de preto de 100 embarcacións diarias en outubro e novembro, descendendo por debaixo dos 50 en decembro. Nos dous primeiros meses, as embarcacións que faenaron nesta zona eran maioritariamente da Illa de Arousa e en decembro da Pobra do Caramiñal.