Cultura

‘Noites de Retranca, Volume I’, o sábado no Centro Cultural Caixanova

ManquiñaCaixanova presenta o show humorístico “Noites de Retranca. Volume I” que reunirá en Vigo a tres coñecidos cómicos galegos: Manquiña, Sergio Pazos e Javier Veiga. A cita, que abrirá o ciclo NX na cidade, será o sábado 16 de xaneiro, ás 22.00 horas, no Teatro-Sala de Concertos do Centro Cultural Caixanova. A continuación, o domingo 17, ás 20.00 horas, visitarán o Auditorio do Centro Social Caixanova de Pontevedra.

 A simpatía e as tolerías de Sergio Pazos, o recoñecido humor de Javier Veiga e a presenza dun xenio cómico como Manquiña fan deste espectáculo un show único no que os actores posúen liberdade interpretativa total, conseguindo así un espectáculo aberto ás sorpresas, á imaxinación do artista e á interacción co público, tres elementos que conseguen que cada representación se converta un feito único e irrepetible.

 Que sexan actores da talla de Manuel Manquiña, Sergio Pazos ou Javier Veiga provoca no espectador a curiosidade de poder velos en rexistros diferentes aos que nos teñen acostumados e xerará tanto a admiración do público como un sorriso permanente unha vez rematado o espectáculo.

 “Noites de retranca. Volume I” quere dicir máis de 90 minutos de humor, coa presenza en escena de tres grandes actores que se intercambiarán no escenario para poder compartir con nós as súas experiencias e as opinións máis divertidas dos máis variados temas da vida cotiá. A finalidade do proxecto é poder conseguir que actores e actrices non tan recoñecidos coma estes teñan a oportunidade, nun futuro, de compartir escena cos que si o son. Unha posta en escena sinxela na que vai predominar o artista sobre o decorado nun achegamento total do artista co público.

 CICLO NX

Con esta actuación Caixanova inicia unha nova edición do ciclo NX, co que se pretende dar cabida a un conxunto específico de xéneros e estilos escénico musicais, configurando un lugar de encontro para un público novo. Trátase dun ciclo que vai permitir que se acheguen a Vigo propostas contemporáneas, frescas e desenfadadas.

 Durante o primeiro semestre do ano pasarán pola cidade olívica o compositor e intérprete andaluz Manuel Carrasco, que presentará o seu último traballo “Inercia”, o espectáculo clásico da compañía Yllana, “666” e a última proposta do galego Miguel Lago. Ademais, no marco deste ciclo os vigueses poderán gozar da música de Los Secretos ou o dúo Lovely Luna, que presenta o seu terceiro traballo “Chang & Eng”.

 Así mesmo, está prevista unha nova función de “Las Noches de Paramount Comedy” e a representación da montaxe “Piedras en los bolsillos”, un espectáculo que conseguiu dous Premios Laurence Olivier en 2001, á Mellor Comedia e Mellor Actor, e foi nomeada no mesmo ano a tres Premios Tony.

 Duración: 90 minutos aproximadamente.

 Sistema de venta: www.caixanova.es y entradas a la venta en 902.504.500. O mesmo día da representación no despacho de billetes do Centro Cultural Caixanova en horario de 18.00 horas ata media hora despois do comezo do espectáculo.

 Prezos: Butaca: 15 euros; Anfiteatro 1º: 13 euros; Anfiteatro 2º: 11 euros; Anfiteatro 3º: 9 euros.

También te puede interesar