O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, recibiu hoxe no seu despacho á windsurfista viguesa Lara Lagoa, que se acaba de clasificarse para a primeira edición dos Xogos Olímpicos da Mocidade, que se celebrarán en Singapur o vindeiro mes de agosto. A proeza da deportista, bolseira pola Fundación VIDE en 2009 e que compite co Náutico de Cangas, xestouse no Campionato de Europa da clase techno, en Cádiz. “Non pensaba clasificarme nin de broma porque ían só catro países representando a Europa”, confesoulle ao concelleiro nacionalista. Pero rematou sexta e, como por diante había catro de dous países, España obtivo o cuarto lugar que daba billete para os Xogos.
A deportista, de 15 anos e que na recepción estivo acompañada polo seu pai, estuda no instituto Santo Tomé ademais de estar preparándose en catro idiomas (inglés, francés, italiano e alemán). Neste 2010 ten un ano pleno de competicións de alto nivel: unha proba de repesca para os Xogos Olímpicos da Mocidade, en Francia, “á que irei como preparación para Singapur”; o Campionato de España en xuño en Baleares e o Campionato do Mundo.