
“Esta é unha mobilización máis das que estamos realizando en Alfageme co obxectivo de denunciar a situación que están atravesando as traballadoras e traballadores, e denunciar á familia Lago, xa que é o obstáculo máis importante para que se abra un proxecto nesta industria“, manifestaba Xosé Fernández Piñeiro, voceiro da CIG.
As razóns da ocupación
Sobre as razóns que levaron ao persoal de Alfageme, que continua cos peches nas fábricas, a achegarse até ANFACO, Piñeiro sinalou que “a Unión de Conserveiros sabe que vai desaparecer esta fábrica e catro centros de traballo, e non se pronunciou en absoluto”. Con esta mobilización pretendian tamén falar co secretario xeral deste organismo, mais estaba nunha viaxe en Madrid, polo que mantiveron a concentración até perto das dúas da tarde, para trasladaren as súas queixas a este organismo.
Xuízo contra a propiedade
Hoxe haberá unha nova mobilización do persoal que se trasladará até os Xulgados da rúa Coruña para concentrarse ás nove e media. O xuízo é pola denuncia dun traballador que, segundo manifestan os sindicatos, “foi ameazado e coaccionado por Gustavo Lago, fillo de Juan Lago“, polo que se presentou demanda no Xulgado e na Inspección de Traballo.