A risa máis cruel, intimidades, actos deshonestos e picardía é a mestura ideal coa que Mofa e Befa traen ao Centro Cultural Caixanova ‘Shakespeare para ignorantes’ (esta noite, 20:30 horas), un espectáculo influido pola poética de Víctor Mosqueira, a pragmática de Evaristo Calvo e a épica de Quico Cadaval no que personaxes secundarios como asesinos, bufóns ou cornudos pasan a un primeiro plano.
O aspecto inicial do espectáculo é o de producto didáctico recalcando a condición do público como colectivo carente de coñecementos básicos, polo que o primeiro que se desenvolverá na escena será a conferencia dun prestixioso profesor no que pretende ser unha amena palestra sobre a obra de Shakespeare. E apóiase en dous actores talentosísimos temporalmente desempregados: Mofa e Befa.
Mofa e Befa
Este dúo cómico acaba de cumprir 14 anos facendo rir a un país e parte do estranxeiro. O seu selo é a imaxinación lúdica, o sarcasmo, a transparencia da actitude actoral, o transformismo e o uso sorprendente de materiais escénicos e textuais. Abandeiraron o movemento artístico denominado perralleirismo e teñen levado o seu humor á televisión, radio, eventos académicos e empresariais, publicidade, congresos e mesmo proxectos de formación cívica.