Galicia

O CETMAR colaborará con Cabo Verde para desenvolver a pesca artesanal

Illa de Santiago en Cabo Verde.
Illa de Santiago en Cabo Verde.

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR colaborará co Goberno de Cabo Verde no desenvolvemento da pesca artesanal dese país. Un acordo de cooperación subscrito hoxe entre a institución galega e o Ministerio do Ambiente, do Desenvolvemento Rural e dos Recursos Mariños permitirá a posta en marcha dun proxecto que ten como obxectivo estruturar e fortalecer o sector pesqueiro artesanal caboverdiano. Con financiamento da Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento, as accións previstas iniciaranse o 1 de febreiro e estenderanse a un período de dous anos.

Mellorar o nivel de vida das comunidades pesqueiras artesanais de Cabo Verde mediante o exercicio desa actividade e mediante a comercialización dos produtos pesqueiros é o obxectivo xeral do proxecto que levará a cabo o CETMAR, que xa ven de colaborar co goberno daquel país en outras accións similares. Sempre dende unha perspectiva de rendibilidade económica, equidade social, sustentabilidade ambiental e seguridade alimentaria, o acordo subscrito agora pretende contribuír a estruturar e fortalecer ao sector pesqueiro artesanal, tanto a nivel institucional como de comunidades costeiras.

Como resultado das accións a desenvolver nos vindeiros dous anos agárdase mellorar as capacidades técnicas das institucións que xestionan ao sector da pesca artesanal de Cabo Verde e incrementar a capacidade de organización e autoxestión deste, mellorando a cooperación entre administración e pescadores. Tamén se persegue aumentar a rendibilidade dos procesos da cadea de valor do produto pesqueiro, mellorar as condicións de hixiene alimentaria e, finalmente, incrementar a capacidade técnica das institucións investigadoras.

Ademais dos pescadores e comercializadores das comunidades de pesca artesanal caboverdianas e da súa poboación, serán beneficiarios das accións previstas no proxecto os membros da Dirección Xeral de Pesca, do Instituto Marítimo Portuario, do Instituto Nacional de Desenvolvemento Pesqueiro e da Universidade de Cabo Verde.

También te puede interesar