O concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, e a xerente da Fundación Vide, Laura Magdalena, presentaron hoxe as bolsas Vide 2010, coas que a Fundación premia o traballo de deportistas vigueses no 2009 e cuxo prazo se abre do 1 ao 28 de febreiro.
Segundo o presidente de Vide e concelleiro de Deportes, “Vide chega onde o Concello non pode cubrir algunhas subvencións”, polo que é un elemento complementario. O concelleiro nacionalista recoñeceu que “ano a ano esta é unha opción importante para os deportistas”, que en 2009 presentaron 84 solicitudes entre bolsas élite (41) en bolsas base (43). Xabier Alonso constata que cada ano hai máis solicitudes.
Este ano vaise a primar máis o deporte femenino: “Queremos facer unha valoración positiva das mulleres deportistas que teñan unha progresión”, sostivo. E en igualdade de condicións terase en conta a súa trayectoria. Dende 2003 ao 2009 Vide repartiu 135 axudas económicas entre Base, Elite e Olímpicas (estas no 2008), beneficiando a 83 deportistas (51 homes e 32 mulleres). A Fundación entende que se pode equilibrar esta balanza.
Os tipos de bolsa son dous, Base (persoas nadas antes do 1 de xaneiro de 1994), que se premia con 1.000 euros netos, e Élite (con posterioridade a esa data), cunha doazón de 2.000 euros netos. O comité executivo de Vide decidirá en marzo os gañadores e gañadoras das bolsas (non hai números pechados) en función dos méritos.