Coa finalidade de acadar a máxima participación no proceso que se celebrará na Universidade de Vigo para a elección de reitor, os candidatos de Nova Universidade, Jaime Cabeza e de Alternativa Universitaria, Salustiano Mato, e o actual reitor Alberto Gago, acordaron nunha reunión celebrada hoxe, fixar a xornada de votación no período comprendido entre o 13 e o 20 de maio. Nun prazo de quince días, unha vez realizadas as verificacións formais oportunas, coñecerase a data de celebración da votación que determinará cal dos dous candidatos se converterá no próximo reitor da institución académica viguesa.
O proceso electoral que comezará na primeira quincena de marzo coa publicación dos censos electorais, chegará ao seu fin coa celebración das votacións, nunha data que como confirmou o reitor Alberto Gago, “será antes do inicio do período de exames para propiciar a máxima participación, en particular do estudantado”. Tanto Jaime Cabeza como Salustiano Mato amosaron a súa satisfacción polo consenso acadado en relación co calendario electoral que o candidato de Nova Universidade considera “o mellor que pode haber para iniciar un proceso electoral de confrontación de modelos. Creemos que esta reunión foi unha moi boa práctica”. Pola súa banda Salustiano Mato agradeceu a iniciativa do reitor de convidar aos dous candidatos para manter este encontro que cualificou de “moi positivo” , destacando por riba de todo que os grandes proxectos para a Universidade como Campus do Mar “queden ao marxe da contenda electoral”.
Inauguracións a tres
Segundo se acordou tamén na reunión celebrada hoxe, ambos candidatos acompañarán ao reitor nas inauguracións que poidan ter lugar durante o período electoral. Inauguracións que Gago asegurou “levaranse a cabo sempre e cando haxa algo finiquitado, sen presa e nas que confío que os dous candidatos me acompañen”. O reitor referiuse ás inauguracións como “un continuo”, xa que, segundo Gago “ nunha institución como a universidade o que finaliza un, non é teu e o que é teu, non o finalizas” e citou o caso de CITEXVI, unha obra que comezou cando Domingo Docampo era reitor e que aínda se atopa en período de construción . “De quén é Citexvi? Da Universidade”, asegurou Gago.
O candidato de Nova Universidade expresou o seu acordo coa invitación de Gago aos dous aspirantes á Reitoría para acompañalo nas inauguracións que se poidan producir en período electoral ao tempo que cualificou de “lexítimo” que alguén que asume non presentarse á reelección “teña dereito a ver cumpridos os seus obxectivos”.
ETEA
Aínda que o calendario electoral foi o eixe central da reunión celebrada polo reitor e os candidatos, no encontro, segundo confirmou Gago, abordáronse outras dúas cuestións como son Campus do Mar e o financiamento das universidades. En ambos temas o reitor comprometeuse a manter informados aos candidatos, en especial en relación co Plan de Financiamento da Xunta, sobre o que Gago confirmou que “aínda non se produciu ningún pistoletazo por parte da Xunta” e sobre o que, afirmou “é importante que non se produza un baleiro de poder en ningún momento”.
En relación con Campus do Mar, o reitor confirmou que a Universidade continúa na fase de suma de apoios e contactos con institucións. Un proceso no que tras obter o respaldo das outras dúas universidades galegas e institucións como o CSIC, IEO, CETMAR ou ANFACO, os contactos continuarán en próximos días coas universidades portuguesas de Minho, Porto e Aveiro, así como cos clusters do naval e da acuicultura e entidades locais e autonómicas. “A nivel interno o proceso vai ben. Hai ilusión e boas días e a nivel externo a acollida está sendo magnífica”, asegurou o reitor que tamén confirmou que a día hoxe nada se sabe dos terreos da ETEA. “Aínda así”, confirmou Gago “ imos concursar á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional igual, pero sería unha pena non telos porque tratamos de sumar coa base de buques oceanográficos e un laboratorio de biotoxinas a nivel europeo, ademais da ambición de constituír en Vigo un centro de formación en ciencia e tecnoloxía mariña de impacto internacional” , actuacións para as que o reitor da Universidade de Vigo demandou o respaldo da Xunta, ao tempo que puxo de manifesto a importancia de contar cos terreos da ETEA.