A última edición da “Liga das Estrelas” LINCO – LINORSA 2009 supuxo un gran éxito para o Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia, xa que se cumpriron os obxectivos marcados para esta competición superando tódalas expectativas sobre o número de xogadores e xogadoras participantes.
A mellora técnica e formativa de todos e cada un dos nenos e as nenas foi notable e púidose seguir venres tras venres nesta competición escolar que contou con 13 xornadas nas que se levaron a cabo en cada unha delas 9 encontros de categoría Premini e outros 9 partidos de categoría Mini, disputándose máis de 200 partidos desde xaneiro ata maio.
Tamén é de destacar o gratificante e satisfactorio que foi para a nosa entidade poder ver a tódolos familiares e amigos dos participantes animando e aplaudindo o esforzo dos xogadores e xogadoras sempre cun comportamento deportivo e admirable
Por estes motivos o Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia organizará por oitavo ano consecutivo unha nova edición desta Liga Interna de Colexios (LINCO) que se desenvolverá nos Baixos do Estadio Municipal de Balaídos tódolos venres, desde febreiro ata maio, de 16:15 a 18:00 horas.
Escolas deportivas
Nesta nova edición da Liga LINCO – Linorsa 2010 organizada polo noso club participarán 10 Escolas Deportivas, das cales 9 son dirixidas e coordinadas polo Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia (CEIP Seis do Nadal, CEIP Illas Cíes, CPI Celso Emilio Ferreiro, CEIP Doutor Fléming, CEIP Alfonso Rodríguez Castelao, CEIP Pintor Laxeiro, CEIP Javier Sensat, e as dúas Escolas Deportivas Municipais do Berbes e Balaídos) e unha Escola, o CEIP Alexandre Bóveda – Chapela, participará como equipo invitado na competición.
A Liga LINCO – Linorsa 2010 conta un ano máis co apoio e patrocinio de Linorsa, empresa que apostou por esta Liga Escolar e polo deporte base do Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia desde xa fai máis de cinco tempadas.
Esta Liga Interna de Colexios conta tamén coa colaboración de Aguas de Mondariz, Dulcesol, Coca-Cola, Displave e Caixanova; e tamén ten o apoio e refozo da Concellería de Deportes do Concello de Vigo, o Instituto Municipal dos Deportes e a Federación Galega de Baloncesto.
Liga Interna de Colexios
Como novidade nesta tempada o Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia, co apoio do Instituto Municipal dos Deportes e Linorsa, organizará a Primeira Edición da Liga Interna de Colexios LINCO – Linorsa XL que terá lugar nos Baixos do Estadio Municipal de Balaídos cada dous venres, desde febreiro ata maio, de 18:00 a 19:00 horas.
Nesta primeira edición da Liga LINCO – Linorsa XL 2010 participarán dúas Escolas Deportivas. A Escola Deportiva Municipal de Balaídos e o Colexio Montesol serán as dúas Escolas que estrearán esta novidosa competición dirixida a rapaces e rapazas de entre 13 e 16 anos.
Esta iniciativa deportiva xorde co obxectivo de ofrecerlle unha experiencia competitiva a tódolos rapaces e rapazas de entre 13 e 16 anos que militan nas Escolas Deportivas organizadas e adestradas polo Club Baloncesto Seis do Nadal – Coia.
A Liga LINCO – Linorsa XL 2010 conta, ao igual que a 8ª Liga LINCO – Linorsa 2010, coa colaboración e respaldo constante de Agua de Mondariz, Dulcesol, Coca-Cola, Displave e Caixanova; e tamén ten o apoio e refozo da Concellería de Deportes do Concello de Vigo e a Federación Galega de Baloncesto.