Destacados

A Xunta pediralle ao Goberno o traspaso da autopista e explicacións sobre a inconstitucionalidade da Lei de Caixas

 

Chapela_Autopista_AP9A Comisión Bilateral de Cooperación entre a Administración Xeral do Estado e a Xunta de Galicia reunirase o martes en Madrid para analizar o traspaso á Comunidade Autónoma de distintas competencias e para facer un seguimento dos obxectivos, prioridades e aportacións de Galicia en relación ao semestre de Presidencia española da Unión Europea, entre outros asuntos da orde do día.

O Goberno galego pretende reactivar o proceso de transferencias competenciais a Galicia, tal e como se comprometeu o vicepresidente terceiro do Executivo central e ministro de Política Territorial, Manuel Chaves, e para iso acude á reunión cunha serie de demandas, aprobadas en Consello da Xunta, relativas ao impulso dun conxunto de transferencias que permitan fornecer o autogoberno de Galicia e prestar mellores servizos aos cidadáns.

Así, proponse abrir a negociación sobre materias como a titularidade das autopistas AP-9 e AP-53, a xestión de obras hidráulicas de interese xeral, o dominio público hidráulico, o servizo de meteoroloxía ou a ordenación pesqueira, entre outras. Así mesmo, tamén agarda recibir información sobre as transferencias que quedaron pendentes da anterior lexislatura e que, nalgúns casos, aínda están lonxe de efectivizarse, como as relativas a museos e bibliotecas ou a inspección de traballo.

 

Lei de caixas

Por outra banda, outro dos asuntos a debate será a posibilidade de crear unha comisión de seguimento normativo entre ambas administracións e prever así conflitos institucionais. Nesa liña, a Xunta vai reclamar na reunión co Goberno central explicacións pola súa decisión de pedir ao Consello de Estado un pronunciamento sobre a Lei de Caixas galega, tras dicir que cre que ten elementos de inconstitucionalidade.

O Goberno galego, que non recibiu ningunha comunicación do Estado a este respecto, agarda que na Comisión Bilateral de Cooperación o Executivo central lle transmita información sobre esta decisión e sobre dos artigos da norma que considera que non son respectuosos coa Constitución, así como o motivo que lle levou a solicitar este informe ao Consello de Estado sen antes dirixirse á Xunta nin pedir ningún tipo de aclaración sobre a norma, aprobada por unha ampla maioría do Parlamento galego e avalada polos letrados da Cámara.

También te puede interesar