Galicia

Nenos franceses e portugueses farán o Camiño a través de contos populares

O programa Os contos do Camiño coordinado pola editora galega OQO e apoiado pola S.A. de Xestión Xacobeo botou a andar este mes nas cidades de Évora (Portugal) e Bordeaux (Francia). A iniciativa europea percorrerá tamén as cidades de Óbidos (Portugal) e Madrid para chegar ao remate do seu itinerario en Santiago de Compostela no mes de maio. O programa consiste en sesións de contacontos e obradoiros de creación artística e de animación á lectura darase a coñecer o patrimonio cultural das diferentes rutas xacobeas, a través de contos de tradición oral.

As cidades de Évora e Bordeaux representan o punto de saída da iniciativa Os contos do camiño.  As actividades previstas para ambas cidades concéntranse en tres obradoiros que recrean historias seculares por medio da tradición oral. En Os contos do camiño, nenos e nenas de 5 a 8 anos e os seus respectivos profesores participarán, a través da música, da palabra e da imaxe, nunha sesión na que percorrerán varias Rutas do Camiño de Santiago, evocando unha época na que camiñantes de diferentes partes do mundo chegaban a Compostela e enchían os días de travesía e as noites de descanso con narracións populares dos seus lugares de orixe.

No taller A arte no Camiño, nenos e nenas de 9 a 11 anos participarán nun viaxe virtual onde seranlles explicadas as varias rutas do camiño de Santiago e as diferentes manifestacións artísticas dos países que atravesan as rutas xacobeas. Deténdose nas diversas obras de arte que poderán ver nos museos implicados no proxecto: Fundación Museo Thyssen-Bornemisza, Musee D’Aquitaine, Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Museo de Évora. Respecto o obradoiro Ilustrar un conto, un famoso ilustrador internacional escollerá un conto tradicional do seu lugar de orixe para contalo aos rapaces e máis tarde todos traballarán ilustrando una secuencia da obra por día.

As actividades previstas para desenvolverse en Évora, cidade pola que transcorre o Camiño Portugués terán emprazo na Biblioteca Pública e no Museo de Évora. A arte do camiño fitará de xeito especial cara ao azulexo portugués, expresión dunha cultura plural e dialogante e unha das contribucións máis creativas á riqueza do patrimonio artístico mundial. A ilustradora galega Itziar Ezquieta terá un papel protagonista en Évora ao se a encargada do taller Ilustrar un conto.

As actividades programadas para Bordeaux, cidade pola que transcorre o Camiño Francés, localizaranse no Museo D´Aquitaine e o obradoiro Ilustrar un conto correrá a cargo da ilustradora portuguesa Teresa Lima.

  • Nenos artistas con ilustradores internacionais

Os contos do Camiño pretende converter aos nenos en artistas. As creacións que elaboren en cada obradoiro coa axuda dos seus profesores e diversos ilustradores internacionais exporanse en Santiago de Compostela na etapa final do itinerario europeo desta iniciativa. Deste xeito exhibirase un recipiente que gardará as súas experiencias, palabras, sensacións e vivencias durante as sesións. Asemade, as obras plásticas que elaboren os cativos retratando a outros nenos de distinta nacionalidade serán expostas en Santiago nunha mostra aberta a todo o público no Museo do Pobo Galego.

Os ilustradores que participan nesta iniciativa representan o caracter de mestizaxe da mesma. A Francia acudirá unha ilustradora de Portugal, Teresa Lima, a España unha francesa, Veronique Vernette, a Portugal unha galega, Itziar Ezquieta, a Óbidos, Chené Gómez e a Santiago, Mafalda Milhões, nun intento por fomentar o intercambio e o movemento transnacional da creación plástica. Cada artista presentaralles aos nenos un conto do seu país e entre todos debuxarán os personaxes e as accións da historia.

Cunha recompilación e selección destas obras confeccionarase o libro ilustrado, Os contos do camiño vistos polos nenos, con contos tradicionais de Galicia, España, Portugal e Francia, e debuxos dos cativos.

  • Santiago: A meta do Camiño

A celebración do Ano Santo é o motivo polo que a capital galega será o lugar onde se clausurará a acción de cooperación. Do mesmo xeito, Santiago de Compostela tamén acollerá en xuño un gran concerto como colofón e festa final, Contos en cantos do Camiño.
As actividades que se levarán a cabo en Santiago concentraranse entre os meses de maio e decembro no obradoiro Un camiño de contos, na Biblioteca Pública Ánxel Casal; o obradoiro A arte no camiño, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC); o taller  Ilustrar un conto con Mafalda Milhões tamén no CGAC; o Concerto os contos do Camiño no mesmo centro; a exposición das obras dos nenos no Museo do Pobo Galego e a publicación e presentación do libro Os contos do camiño vistos polos nenos.

  • Proxecto europeo

A maiores da contribución da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, a Fundación Museo Thyssen-Bornemisza, as editoriais Bichinho de Conto (Portugal) e La Compagnie Créative (Francia) son socios deste proxecto, coordinado pola editorial galega OQO. Trátase do único proxecto galego seleccionado en 2009 dentro do Programa Cultura 2007-2013 da Unión Europea, que este ano só escolleu en España outras dúas iniciativas. Ademais, no caso de Os Contos do Camiño, acadou unha das maiores puntuacións de todas as candidaturas europeas, con 32 puntos dos 35 máximos posibles.

También te puede interesar