O vindeiro xoves, 4 de febreiro, o Pleno da Corporación Municipal de Vigo debatirá sobre a situación das caixas de aforro galegas en sendas sesións plenarias extraordinarias.
En primeiro lugar, e á proposta da Alcaldía-Presidencia do Pleno, os grupos debaterán e votarán no seu caso a ratificación do acordo adoptado polo Consello Social da cidade, celebrado o pasado xoves, de apoio á “permanencia de Caixanova e dos seus órganos de goberno na cidade de Vigo, mantendo a súa solvencia e a súa galeguidade”, segundo reza o acordo proposto ao Pleno.
Ao remate do devandito debate plenario, os tres grupos da Corporación Municipal de Vigo abordarán unha nova sesión extraordiaria co único punto na orde do día da moción do grupo municipal do Partido Popular de apoio ás reformas introducidas pola Lei 10/2009 do 30 de decembro de Caixas de Aforro de Galicia. Chema Figueroa, vicepresidente de Diputación e concelleiro do PP na corporación municipal, busca apoio á postura favorable á fusión reunindo a colectivos da cidade, para o mediodía o fará cos do sector hosteleiro.
- Postura de Feijóo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijó, afirmou que no tocante ás caixas de aforro, o Goberno central “fai de oposición a comunidades que non considera afectas”. “Estamos ante un exercicio de maniqueísmo que non só dana os intereses de Galicia, senón o obxectivo común de construír entre todos un Estado das autonomías equilibrado e sen asimetrías”, asegurou o titular do Goberno galego no transcurso dunha conferencia en Madrid.