Vigo al minuto

Más dun cento de persoas traballan para que o Campus do Mar sexa unha realidade

 

O comisionado Emilio Fernández.
O comisionado Emilio Fernández.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Seis comisión nas que participan máis dun cento de persoas traballan a día de hoxe na elaboración do proxecto co que a Universidade de Vigo aspira a confirmarse como referente nacional en docencia e investigación mariña. Na procura dun sinal de identidade e co obxectivo de aglutinar ao seu redor toda a experiencia que Galicia atesoura nas súas universidades, centros públicos, empresas e sociedade en temas relacionados co mar, a institución académica viguesa articula Campus do Mar, un proxecto co que concorrerá neste 2010 á vindeira convocatoria de Campus de Excelencia Internacional do Ministerio de Educación.

Lonxe de partir de cero, Campus de Mar aséntase na posición de referente que en investigación mariña, no ámbito nacional, ostenta Galicia, “un territorio historicamente unido ao mar que é algo que nos define como sociedade e como pobo”, asegura Emilio Fernández, comisionado da Universidade de Vigo para Campus do Mar. Sen embargo, a división que na actualidade existe no sector con moitas pequenas e boas institucións de docencia e investigación impide, segundo Fernández, “converternos nun referente mundial de coñecemento do mar”. Así, Campus do Mar persegue romper con ese illamento e aglutinar todo o coñecemento existente en Galicia en torno a un proxecto común co obxectivo de que “as mellores cabezas do mundo que queiran facer investigación e formarse en temas mariños saiban que o lugar onde teñen que facelo é Galicia e en particular Vigo”, explica o comisionado do Campus do Mar.

Na procura de adhesións nacionais e internacionais
Os centros de investigación e centros tecnolóxicos que teñen relación co mar como o Centro Superior de Investigaciones Científicas (CISC), o Instituto Español de Oceanografía (IEO) ou o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), xunto coas universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, constitúen o denominado núcleo duro do proxecto. Institucións que segundo Emilio Fernández amosaron “unha recepción fantástica” e ás que se pretende sumar ás empresas de ámbito mariño que están no entorno dos campus, ás institucións políticas e a axentes sociais e económicos non directamente relacionados co mar.

Pero o carácter internacional do proxecto obriga á súa expansión fóra de Galicia, concretamente no resto de universidades e centros de investigación localizados en dúas grandes áreas: América Latina e África, “onde agardamos contar con moitos apoios”, sinala Emilio Fernández. Especial atención préstase tamén neste traballo de difusión do proxecto ás universidades europeas e en especial ás do norte de Portugal, concretamente as de Porto, Aveiro e Minho coas que o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, manterá contactos a vindeira semana. Un gran potencial para facer fronte a unha enorme competencia

A existencia en España de varios centros de investigación mariña e a posibilidade de que á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional concorra algún proxecto con obxectivos comúns aos de Campus do Mar, lonxe de menoscabar o ánimo dos autores desa iniciativa, semella ser un reto. Así, Emilio Fernández tras recoñecer que a competencia é extraordinaria e que hai en España centros de investigación mariña de gran calidade, ten claro que “non hai un lugar en España onde conflúan no mesmo territorio as potencialidades que nós temos”. O comisionado do Campus do Mar xustifica esta afirmación en evidencias como que Galicia é o único lugar de España onde todos os centros públicos de investigación que teñen relación co mar teñen institutos; onde a comunidade autónoma tamén ten varios institutos relacionados co mar; onde existe unha Consellería do Mar e onde hai un potencial empresarial e pesqueiro tan importante. “Non me dá medo que haxa outras candidaturas de campus do mar, que as vai haber”, afirma Emilio Fernández que ten claro que “só temos unha posibilidade que é facer unha candidatura excelente. Se somos quen de facer un gran proxecto e a resolución é xusta, que non me cabe ningunha dúbida que o será, o noso potencial é enorme”.  E que ocorre se a candidatura da Universidade de Vigo non é seleccionada? “Se non somos seleccionados iso servirá como plan estratéxico dun futuro campus do mar que se financiará antes ou despois e levarase a cabo algo máis tarde se non gañamos o concurso. Pero se levará a cabo, sen dúbida”, afirma Emilio Fernández con rotundidade.

Fonte:DUVI

También te puede interesar