Co manifesto ‘Por unha mobilidade efectiva na Área Metropolitana de Vigo’ para recuperar o tempo perdido na articulación da mobilidade entre os concellos, a Federación Veciñal Eduardo Chao, as federacións veciñais de Cangas, Moaña e Val Miñor e un total de 33 asociacións veciñais de Vigo, Cangas, Moaña, Porriño, Mos, Pazos de Borbén, Redondela, Nigrán e Ponteareas levarán hoxe ata a Xunta as súas demandas para mellorar o desprazamento entre concellos, xa que na área habitan preto de 500.000 persoas e acceden á Vigo case 50.000 coches diarios.
Con esta iniciativa, as federacións queren pedir explicacións de porque existe un convenio de colaboración entre a Xunta e as áreas metropolitanas de A Coruña, Ferrol e Santiago dende o ano 2005 e na área de Vigo non existe, cando isto supón para os vigueses unha perda de 12 millóns de euros en axudas ao transporte público. O movemento veciñal da área de Vigo ve imprescindible que a Xunta promova a sinatura deste acordo e que os concellos da área sexan sensibles a esta necesidade.
Facendo memoria, a Favec lembra que tanto o goberno do concello de Vigo en mans do PP en 2006 como o actual goberno do PSOE-BNG a principios do ano 2009 tiveron oportunidade de sinatura do citado convenio e non chegaron a acordo cos respectivos gobernos da Xunta nese momento. Isto supón, por exemplo, que un desprazamento en transporte público na área de Vigo custa case 2 euros, cando podería facerse por 71 céntimos.
E esta mañá, en Santiago, os veciños manterán unha entrevista co Conselleiro de Medioambiente e Infraestructuras para pedirlle que o convenio quede asinado no primeiro trimestre de 2010 e que inclúa tanto ao transporte público por estrada como ao transporte de ría; a implantación do Consorcio Metropolitano de Galicia en Vigo para coordinar horarios, traxectos e intereses das concesionarias e crear un servizo de axuda á explotación común; pedir orzamentos, previsións e prazos para o desenvolvemento do Plan Move de Infraestructuras e o Plan Galicia de Transporte Metropolitano; e a creación dunha mesa sectorial de mobilidade.