Dende hoxe ao 21 de marzo o Verbum amosa a mostra “Unha viaxe con Ramón Cabanillas a través da Fotografía”.Co gallo da celebración no 2009 do Ano Cabanillas foron varias as iniciativas para recuperar a memoria deste insigne autor das nosas Letras. Desde o museo Verbum decidiuse programar unha exposición que dese unha visión íntima e persoal sobre o traballo do autor, que achegara ao Ramón Cabanillas máis íntimo a través da escolma de trinta e tres traballos realizados por once fotógrafos galegos actuais baseados na obra de Cabanillas, presente tamén na exposición.
Os artistas seleccionados (Iñaki Abella, Quico Álvarez, Eduardo Apariz, Luís Barreiro, Mónica Irago, Martina Miser, Emilio Moldes, José Luiz Oubiña, Carlos Puga, Xaquín Rosales e Mónica Vila) realizaron un labor de introspección e afondamento na lírica do poeta do Salnés, sendo esta exposición o resultado fotográfico dese traballo de creación libre, íntimo e persoal.
Na mostra poderemos ver as instantáneas que foron inspiradas e guiadas pola obra do poeta que, xunto cun pequeno texto dos autores explicando o seu traballo, acompaña estas imaxes.
A mostra está organizada pola asociación Candea (Asociación de ensinantes do Salnés) e dirixida e comisariada por Fotoxoguete.