Coa exposición do artista Jose Dávila (Guadalajara, México, 1974) conclúe o proxecto Puntos de encontro/Meeting Points, comisariado por Agar Ledo, responsable de exposicións do MARCO. Durante o ano 2009 e principios de 2010, cinco artistas —Pedro Barateiro, Manuel Eirís, Carlos Bunga, Nicolás Combarro e Jose Dávila— foron invitados a traballar in situ coa intención de establecer un diálogo entre o espazo de exhibición (a sala de proxectos ou Espazo Anexo) e o seu ámbito: a cidade de Vigo.
O proxecto de Jose Dávila, que se poderá visitar ata o 2 de maio, achega novas ideas sobre a relación entre o museo e o contorno urbano. Trátase dunha escultura sen principio nin fin que se caracteriza pola súa espacialidade, ou tridimensionalidade, propoñendo ao espectador moverse dentro da obra mesma para poder captala totalmente. O espazo xerado deslízase fóra dos límites arquitectónicos, convertendo o Espazo Anexo nunha extensión da rúa e viceversa, xerando vida en lugar de referirse a ela.
A intervención de Dávila xorde dunha reflexión sobre a falta de continuidade que observou no urbanismo de Vigo, tras as súas estadías na cidade. Afonda no concepto de site-specific, xa que incorpora elementos propios do Espazo Anexo —columnas, muros e teito— como parte mesma da intervención, e refírese á idea de ruína ao simular unha planta dun edificio invisible, que é habitado polo paseante. A proposta preséntasenos como conclusión dalgunhas das preocupacións que o artista vén arrastrando na súa obra: a relación co lugar e o espazo; a combinación entre o movemento e as formas estáticas; a reprodución ata o infinito de formas modulares; a funcionalidade dos espazos construídos. A obra resultante xera un espazo novo no entorno ao converterse, por contaminación, en mobiliario urbano preparado para ser usado polo cidadán, elemento esencial de toda cidade.