O Telecentro de Comunicación de Vigo, situado no Edificio do Concello, acollerá nos meses de febreiro e marzo a través de videoconferencia varios cursos de formación dirixidos a titores de actividades formativas a distancia na Plataforma de Teleformación de Galicia (PLATEGA). Estas actividades están organizadas pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través do Servizo de Formación do Profesorado.
Os módulos impartiranse os días 19 de febreiro e 5 e 26 de marzo deste ano en sesións de 18:00 a 20:30 horas na Sala Audiovisual Access Grid do CMG, en Santiago, e poderán ser seguidos tamén desde os Telecentros de Comunicación de Lugo (Centro Social Lamas de Prado), Ourense (Delegación da Xunta), A Coruña (Biblioteca Pública Miguel González Garcés) e no da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra.
Estes cursos teñen como obxectivo analizar a función titorial desenvolvida nas actividades de teleformación, coñecer recursos e posibilidades das mesmas e formular novos deseños e estratexias metodolóxicas que poidan ser empregadas por estes profesores nas actividades desenvolvidas no marco de PLATEGA.
A Plataforma de Teleformación de Galicia está orientada a aproveitar a facilidade de distribución de materiais formativos e as ferramentas de comunicación das redes informáticas para crear un contorno de ensino e aprendizaxe. Deste xeito, e mediante unha conexión á Internet, os usuarios poden realizar actividades interactivas, acceder aos materiais precisos para adquirir o coñecemento, recibir axuda, realizar comunicacións ou avaliar o seu progreso.
Esta iniciativa segue a liña das actividades do Centro Multimedia de Galicia (http://ww.cmg.xunta.es/) que se realizan para contribuír na formación de profesionais e potenciar, deste xeito, o sector audiovisual e multimedia galegos.